Condutores de Arriva alertan da antigüidade da frota de autobuses: "É urxente solucionalo para evitar vítimas"

Exixen melloras para evitar accidentes con vítimas, baixo a adavertencia de continuar con mobilizacións.
Protesta do persoal de Arriva nunha dársena da estación da Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta do persoal de Arriva nunha dársena da estación da Coruña. (Foto: Nós Diario).

Persoal do grupo Arriva mobilizouse onte na estación de autobuses da Coruña para denunciar o "envellecemento" da frota de vehículos da compañía e o risco que supón para "a seguridade" de condutores e persoas usuarias; mais tamén para exixirlle á Xunta que "tome medidas no asunto".

Unha vintena de traballadores protestaron nunha das dársenas da estación tras unha pancarta co lema 'CIG pola seguridade nos buses, Grupo Arriva'. Urxen melloras na calidade do transporte por estrada para un servizo máis fiábel. 

"É un auténtico desastre, a antigüidade dos autobuses e as avarías permanentes é un tema moi urxente de solucionar para evitar que haxa un accidente con vítimas", dixo o responsábel de transportes da CIG, Xesús Pastoriza, en declaracións aos medios. Un feito, destacou, que "afecta tamén a outros grupos empresariais" do sector. 

Autocares de 12 anos

Con respecto á antigüidade da frota de autobuses na Galiza, composta por aproximadamente 150 unidades, Pastoriza indicou que "debe estar por riba dos 12 anos cando deberían estar entre os seis e os oito".

A concentración de onte, avanzou Pastoriza, "é un toque de atención para a empresa. Esperemos que tome medias, senón continuaremos coas mobilizacións".

Comentarios