Traballadoras mobilízanse na Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Compostela contra os horarios impostos por Inditex

Concentración diante dun Zara no centro de Vigo esta sexta feira (CIG).
As empregadas despregaron faixas denunciando a vulneración dos seus dereitos laborais diante de tendas de Zara, Bershka e Stradivarius, todas pertencentes ao xigante téxtil. 

Traballadoras do grupo téxtil Inditex concentráronse esta sexta feira ás portas de varios estabelecementos da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo e Compostela para rexeitar a modificación de horarios imposta pola dirección.

A medida, que xa foi denunciada pola CIG diante da Inspección de Traballo, afecta tamén ao persoal con concreción horaria para o coidado de crianzas, o que imposibilita a conciliación da vida laboral e familiar.

As mobilizacións tiveron lugar entre as 12 e as 12:30 horas esta mañá, diante de tendas de Zara, Bershka e Stradivarius, onde as empregadas despregaron faixas denunciando a vulneración dos seus dereitos laborais e berraron consignas contra a decisión da empresa de modificar a súa xornada de traballo.

Foi a primeira das accións que fan parte da campaña de protestas convocada pola CIG despois de que a compañía se negase a retirar a medida e que terá continuidade nos vindeiros días.

Sen constancia por escrito

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na concentración de Vigo, explicou que a pesar de que xa se celebraron varias xuntanzas coa empresa o cambio de horarios continúa, xa que a dirección négase a dar marcha atrás na súa decisión.

A reprensentante da CIG lembrou que Inditex modificou o día 18, de maneira unilateral e dun día para outro, os horarios do persoal de tendas en todo o Estado, decisión que incluíu tamén ás traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas.

"Fíxoo", salienta Fernández, "sen especificar canto tempo ía durar a medida e coidándose moito de non deixar constancia por escrito para dificultar que as afectadas poidan reclamar".

En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega "queda sen días libres, límite de tardes e librada de fin de semana, e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que estabelece a lei".