O comité de Alcoa San Cibrao cualifica de "tomadura de pelo" que siga sen aprobar o estatuto electrointensivo

O presidente do comité , José Antonio Zan censura que o Goberno español "nin se pon en contacto" cos traballadores e traballadoras do sector. “Non nos collen o teléfono”.

Manifestación en Viveiro de apoio ao persoal de Alcoa San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Manifestación en Viveiro de apoio ao persoal de Alcoa San Cibrao (Europa Press)

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, cualifica de "tomadura de pelo" que o Goberno español tampouco aprobase esta sexta feira o estatuto para as empresas electrointensivas, nunha "nova falta máis de cumprimento á súa palabra".

"Eu xa non espero nada, somos moi escépticos cara aos cumprimentos deste Goberno", critica Zan, en declaracións a Europa Press, despois de que o Consello de Ministros desta sexta feira - nin tampouco o da pasada terza - dese luz verde a este estatuto que se considera como clave para o futuro de empresas que son grandes consumidores de enerxía como Alcoa.

A continuación, Zan censura que o Goberno español "nin se pon en contacto" cos traballadores, "nin sequera iso fan". "Non nos dixeron nada, estivemos a chamar ao Ministerio e non nos colleron o teléfono", reprocha.

Esta mesma semana o presidente de Alcoa España trasladou aos empregados que a compañía prevé perdas de máis de 80 millóns de euros en San Cibrao , polo que o comité urxe medidas para evitar o peche.

"Teriamos que estar a falar do estatuto, estamos a falar doutro incumprimento, porque a ministra e o secretario de Industria seguen sendo os mesmo", recriminou. E é que o presidente do comité lamenta que "despois dun ano co estatuto no caixón parece que agora teñen que revisalo xuridicamente para que sexa válido".

Comentarios