As claves do caso 'CIG contra España': O Consello de Europa admite a reclamación do sindicato pola "insuficiencia" do salario mínimo
O Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) do Consello de Europa admitiu a reclamación da CIG contra o Goberno do Estado español pola "insuficiencia" do salario mínimo interprofesional (SMI), segundo informou esta terza feira o organismo con sede en Estrasburgo.
A CIG alega nesta reclamación, nomeada 'CIG contra España' polo CEDS e rexistrada en xuño do ano pasado, que a contía do SMI de 2023 no Estado español, entón de 1.080 euros ao mes por 14 pagas e agora de 1.134 euros, vulnera o artigo 4.1 da Carta Social Europea por "non garantir un nivel de vida digno aos traballadores e ás súas familias".
Pola súa parte, o Executivo estatal pediu ao CEDS que declarase a queixa "inadmisíbel" por carecer a CIG de lexitimación ao representar unicamente os intereses dos traballadores e das traballadoras dunha única autonomía, a galega, e non a da totalidade do Estado español, de forma que non podería ser considerada, segundo defende o Goberno español, como un sindicato estatal representativo, tal e como exixe a normativa.
Recoñecemento por parte dun órgano internacional
Nas alegacións presentadas ante o CEDS, a CIG salientou que o artigo 1 do Estatuto de Autonomía define Galiza como unha nacionalidade histórica que se constitúe xuridicamente en comunidade autónoma, "de modo que a existencia dos sindicatos autonómicos máis representativos é unha consecuencia do dereito das nacionalidades á autonomía que consagra a Constitución e, no caso da CIG, do propio feito nacional galego".
Neste sentido, "o recoñecemento directo da CIG por parte dun organismo internacional do Consello de Europa é un aval importante para o principio de autoorganización do pobo galego e un serio correctivo para o Goberno español, que quixo facer calar a voz do sindicalismo nacionalista", defende a central.
"Valoramos moi positivamente que o Comité Europeo de Dereitos Sociais tire por terra o intento do Goberno español de negar os dereitos que temos como CIG, o sindicato máis representativo da Galiza, mais cunha representatividade que ten uns efectos de igualdade de condicións a UXT ou CCOO no conxunto do Estado español", salienta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, en declaracións a Nós Diario.
"Por iso somos un sindicato que forma parte da Delegación da Organización Internacional do Traballo no Estado español e que participa todos os anos nas conferencias xerais da OIT en Xenebra", explica. Polo tanto, di Carril, "é positivo parar o intento antidemocrático do Goberno español de pretender negar a nosa representatividade e a de todos os traballadores e as traballadoras que teñen depositada a súa confianza na CIG como primeiro sindicato na Galiza".
Aínda que o Executivo español recoñece que, de conformidade coa lexislación estatal, a CIG é un sindicato representativo, defende que non o é a efectos do procedemento de queixa, porque a cuestión denunciada, argumenta, é de alcance estatal.
A este respecto, o CEDS lembra que o Estado español ratificou a Carta Social Europea en maio de 2021 e que, por tanto, está vinculada por estas disposicións desde a entrada en vigor do tratado o pasado 1 de xullo de 2021. Así, tras analizar a denuncia do sindicato galego, o organismo entende que a reclamación cumpre os requisitos estabelecidos a efectos da súa admisibilidade.
Respecto aos argumentos do Goberno español de que a CIG non pode considerarse un sindicato representativo a efectos do protocolo estabelecido para a presentación de reclamacións, o CEDS explica que a CIG ten a condición legal de sindicato máis representativo na Galiza.
O CEDS referenda o dereito da CIG a presentar reclamacións colectivas
Neste sentido, o organismo dependente do Consello de Europa salienta que, a efectos do procedemento de reclamacións colectivas, a representatividade é un concepto autónomo, "non necesariamente idéntico ás nocións estatais de representatividade". Así, o CEDS subliña que o feito de que o sindicato demandante, en virtude da lexislación española, non sexa considero representativo a nivel estatal a efectos da negociación colectiva, senón unicamente a nivel galego, non é decisivo para cumprir os requisitos estabelecidos no protocolo para a presentación de reclamacións colectivas.
Así mesmo, o CEDS afirma que as actividades sindicais que leva a cabo a CIG teñen un alcance considerábel máis aló de que as exerza nunha zona xeográfica específica. "En vista do anterior, o Comité considera que a CIG é un sindicato representativo a efectos do procedemento de queixas colectivas. Diso despréndese que a obxección do Goberno non pode prosperar", explica o organismo europeo.
O Executivo español deberá responder este mesmo ano
Por todas as razóns esgrimidas, o CEDS, sen prexuízo da súa decisión sobre a denuncia presentada pola CIG en base á insuficiencia do salario mínimo interprofesional, declara admitida a queixa do sindicato maioritario na Galiza e convida o Goberno español a presentar as alegacións oportunas sobre a cuestión de fondo antes do 20 de decembro do presente 2024.
A organización sindical "pioneira" na ratificación da Carta Social Europea
Ao albor da admisión da reclamación pola "insuficiencia" do SMI por parte do CEDS, Paulo Carril destaca que a CIG é "a organización sindical pioneira no Estado español, por diante de UXT e CCOO, exixindo desde hai moitos anos a ratificación da Carta Social Europea na súa última versión de 1996 e máis o pacto que permite as reclamacións colectivas".
O SMI aprobado en 2024 non cumpre a Carta Social Europea, di a CIG
"A CIG é referente do sindicalismo que existe no conxunto do Estado español e das nacións que a compoñen á hora de remitir ao CEDS os informes que anualmente pide sobre o nivel de cumprimento da Carta Social Europea, e polo tanto, a admisión da reclamación da CIG ten unha grande importancia porque fai preservar a lexitimidade internacional de todo o traballo que levamos feito a respecto desta cuestión e que o Goberno español quería negar", salienta Carril.
1.296 euros ao mes
A CIG defende que o Estado español segue a incumprir a Carta Social Europea no referente ao SMI, posto que a contía aprobada polo Executivo estatal este ano 2024, de 1.134 euros ao mes en 14 pagas, non chegaría á contía estabelecida de 60% do salario medio bruto anual a nivel estatal, que en 2023 foi de 30.237,38 euros. Polo tanto, destaca, o salario mínimo debería alcanzar os 1.295,82 euros mensuais.