venres 03/12/21

Cintia Piña Caride, Transportista: "Coas restricións non temos onde ir ao baño nin onde ducharnos"

O transporte de mercadorías é un sector considerado esencial nesta pandemia. Del depende o abastecemento de produtos de consumo. Non teñen unha situación fácil polo aumento das restricións e a falta de equipamentos. 'Nós Diario' fala do tema con Cintia Piña, unha traballadora de 27 anos, autónoma.
Cintia Piña Caride xunto ao seu camión (Nós Diario)
Cintia Piña Caride xunto ao seu camión (Nós Diario)

Como chegou a traballar neste sector?.

Desde ben pequena sempre tiven moi claro que quería andar cun camión. Na casa, en Amoeiro, xa tiñamos camións mais son pequenos, ríxidos. A miña idea era andar con eles mais traballando nunha granxa xuntei o diñeiro para sacar os carnés e comecei a traballar co meu irmán en vehículos máis grandes.

Como é unha xornada habitual?

Hoxe, por exemplo, erguinme ás 6 da mañá, fun descargar e agora pido a viaxe. Vou para a fábrica na Coruña e cargo. Podo conducir até 4,5 horas seguidas e teño que facer 45 minutos de descanso. Despois continúo outras 4,5 horas até facer nove horas de condución. Dous días á semana podo facer 10 horas.

De que maneira afectou a pandemia ao voso sector?

Hai pouco traballo e xa trememos por se quedamos sen viaxes. Un dos principais problemas é onde comer. Eu, até agora, traballaba de noite e non tes onde parar. Non hai nada aberto. Mesmo as gasolineiras que abrían as 24 horas agora xa non o fan. Outro tema, non menor, é a falta de lugares onde ducharse. Deberiamos contar cuns servizos mínimos e notamos que cada vez vai a peor.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Co aumento de casos e de restricións as primeiras prexudicadas e prexudicados somos nós. Ademais temos problemas mesmo para ir ao baño. Cando chegamos ao lugar de descarga, sexa un lugar grande ou pequeno, entras para entregar a documentación. Alí pedín ir ao baño, despois de facer 300 quilómetros, e non me deixaron. Sinalaban que son medidas de seguridade.  

E agora coas novas restricións como ve o futuro?

Dependemos moito da hostalaría. Podemos tirar das grandes cadeas como Froiz ou Gadis mais non dá co consumo familiar na casa. Moito se lle tería que dar por beber á xente! Cada día hai máis medo a perder viaxes. Agora cando fechen todos os bares e restaurantes veremos se nós non teremos que parar tamén. Xa tiven días que me dixeron que non había traballo e tiven que quedar na casa. Cando fora do confinamento meu irmán estivo un mes enteiro co camión parado e ao final tivo que aceptar viaxar polo resto do Estado español.

Como se facilitaría o voso traballo nunhas condicións dignas?

Sería cuestión de ter uns servizos mínimos aos que temos dereito. Poder ir ao baño e ter a posibilidade de tomar un café ou algo quente. Nós respectamos todas as normas, imos coa máscara e empregamos o hidroxel sempre. Son moitas horas que botamos no camión e tamén deberíamos poder ducharnos.  

Como autónoma cre que se tivo en conta en todo este tempo se tedes ingresos ou non?

Non perdoan nada. Cando parou todo hai uns meses e non podiamos nin mover os camións, pagamos igual. Non se acordan dun en absoluto. O único apoio foi unha pequena axuda que non nos chegou para nada. Tampouco podemos contar con que os seguros se fagan cargo das tempadas en que non temos traballo. E nós seguimos pagando o seguro, o recibo de autónomas e as letras do camión que teño en propiedade. 

Coas medidas que se tomaron de confinamento perimetral dalgúns concellos imaxino que atoparía moitos controis. Incide no voso traballo?

Non hai controis. En todo este tempo, traballando todo o día na estrada por toda Galiza, só vin controis en Ourense e na estrada perto de Compostela. No resto do país non vin. E debería de haber para ver os desprazamentos. 

Cintia Piña Caride, Transportista: "Coas restricións non temos onde ir ao baño nin onde...
comentarios