A CIG rodea mañá a Xunta contra a "inacción do PP"
Delegadas e delegados da Confederación Intersindical Galega rodearán esta terza feira a Xunta da Galiza para reclamar “un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos”, apunta a central sindical, “que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra” diante da “inacción do PP".
Catro marchas procedentes das comarcas da Galiza comezarán o seu percurso en distintos puntos de Compostela: desde a rúa Cruceiro da Coruña, a estación de tren e autobús, o Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela e o edifico sindical en San Lázaro, dirixiranse cara San Caetano, onde se sitúa o edificio administrativo da Xunta.
Na convocatoria, a CIG estima que as marchas cheguen a San Caetano contra as 11.30 horas. Ás 12 da mañá, pouco antes de comezar co fechamento da Xunta, intervirá nos xardíns a carón da capela de San Lázaro o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A central sindical nacionalista chama a mobilización debido a que “a acción do PP e de Feixoo está a contribuír de forma intensa á destrución de emprego e dos nosos sectores produtivos, do comercio, da hostalaría e de industriais estratéxicas”, salientan, amais explican que esta problemática é xeral, e atinxe a “comarcas enteiras, especialmente no norte da Galiza”.
Tamén inciden en que de non actuar rápido, pode ser irreversíbel o proceso das comarcas que “se atopan en plena reconversión e demolición, en pleno proceso de desertización industrial e social”.
“Esta situación é consecuencia das políticas suicidas do goberno Feixoo”, destaca a CIG, que as considera “submisas aos intereses dos fondos de investimento e ás directrices de Madrid e Bruxelas”, ben que isto xere o agravamento da “crise social e demográfica, aumento da emigración, a privatización de servizos públicos e a mercantilización dos coidados”.
Outro dos puntos que cuestionan e a carencia de “políticas públicas para unha transición social e territorial xusta que fagan fronte á ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas”, que non asumen “os custes sociais, laborais e medio ambientais que están a causar mentres lideran a especulación ligada ás enerxías renovábeis”, todo isto en pleno “proceso de descarbonización”.