As batallas gañadas: conflitos laborais en tempos de pandemia que remataron con vitoria dos traballadores

O remate positivo dos conflitos laborais non gozan apenas de difusión na prensa. Nós Diario realiza un breve repaso por algunhas das "batallas" sindicais que marcaron este período de pandemia provocada pola Covid-19 no que as organizacións tiveron dificultades para reunirse e realizar mobilizacións e outras protestas.
Traballadoras e traballadores de H&M durante unha mobilización na cidade de Ourense (Nós Diario).
photo_camera Traballadoras e traballadores de H&M durante unha mobilización na cidade de Ourense (Foto: Nós Diario).

A situación de pandemia na Galiza non paralizou o traballo sindical. Malia os problemas que xurdiron como consecuencia das medidas sanitarias que se adoptaron desde marzo de 2020, comezando polo estado de alarma e continuando polas diferentes fases que impedían a normalidade nas organizacións, eses meses conseguíronse algunhas "vitorias" por parte da clase traballadora. As fontes sindicais consultadas recoñecen que houbo moitas pequenas "batallas" gañadas mais outras aínda perduran no tempo. 

O secretario confederal de Negociación colectiva da CIG, Francisco González Sío, cre que facendo balance "houbo máis mobilizacións das que se pensaba", tendo en conta as limitacións. Lembra a Nós Diario que até o verán do ano pasado as primeiras loitas "foron polos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e pola aplicación sen control do teletraballo". Daquela algúns conseguiron pararse, un éxito parcial para a central nacionalista. A vitoria máis importante nese período foi, para este sindicalista, o recoñecemento en maio de 2020 do persoal laboral que durante anos traballaba como falso autónomo en Novafrigsa, do Grupo Coren.

Pedro Comesaña, portavoz de CCOO, engade que nese sector foron varias as sentenzas favorábeis. "Comezou cunha denuncia hai moitos anos na empresa Frigolouro do Porriño que pasou á Inspección de Traballo e que afectaba na Galiza a 1.300 traballadoras e traballadores en compañías como Cogal ou Coren", apunta a Nós Diario. O recoñecemento deste persoal como pertencente ás empresas conseguiu "que tiveran máis dereitos e rematar con esta lacra do sector cárnico". Aínda así lembra que a maior parte están recorridas e rematarán no Tribunal Supremo "que terá que ditaminar se temos razón ou non".  

As loitas chegaron a case todos os sectores

Case non hai un sector onde non conseguiran gañar os sindicatos. Entre as máis importantes está o téxtil, que este ano viu como H&M mudaba de postura e non fechaba as súas tendas, ademais de recolocar o seu persoal en Vigo. Do mesmo ramo Violia, contrata de Inditex, acordaba continuar co seu persoal. No eido municipal cederon empresas como Vitrasa ou o propio Concello de Vigo diante dos bombeiros. A Xunta, por outro lado, negociaba un acordo coas e cos técnicos forestais.

No epicentro da pandemia

As residencias foron un dos apartados máis sensíbeis en todo este período. En maio houbo mobilizacións por parte do seu persoal pola intención de recortarlles os seus dereitos laborais. "A Xunta recuou nun momento en que era importante facer valer a súa forza pola situación na que estaban, cun convenio de 2012", lembra Sío. Tamén as ambulancias foron á folga en xullo pola falta de compromiso en manter os postos de traballo. "Fixéronse asembleas e mobilizacións e conseguimos que o Goberno galego aceptara continuidade deste persoal".  

Desde a CUT salientan a vitoria das traballadoras da limpeza do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). “Ao non ser público sempre estamos con cambios”, comenta María José Rodríguez, delegada sindical deste sindicato. Ao facerse co servizo, Ilunion deixou na rúa oito persoas fixas e 24 eventuais. “A folga nin chegou a facerse efectiva ao ver a empresa a forza que tiñamos as compañeiras”, lembra a Nós Diario

As traballadoras de axuda no fogar tamén gañaron. "Déronse conta do importante que son estes servizos que están nas mans dos concellos que teñen uns orzamentos moi pequenos que pagan o persoal con condicións moi precarias", relata Sío. Pon como exemplo o caso do Concello da Cañiza que recoñeceu a súa condición laboral. 

Industria, grandes empresas e téxtil

No medio da pandemia, houbo folgas en grandes empresas, como a de automoción BorgWarner, que anunciara un despedimento colectivo de 103 traballadores. A mobilización conseguiu un acordo e non se aplicou o expediente de regulación de emprego (ERE). Outra das empresas do sector, Denso, tivo que ceder melloras salariais importantes e rotacións nos postos de traballo.

Tamén Amazon caeu neste período nos xulgados. "Seguimos presentando denuncias sobre o que considerábamos unha infracción laboral durante a pandemia", explica a Nós Diario Rubén Bernárdez, delegado sindical de UXT nas instalacións desta multinacional. "Moitas empresas aproveitaron a sensación de falta de cobertura pola situación para infrinxir as normas, cousa que non conseguiron nunha meirande parte". 

En todo caso, os sindicatos coinciden en que a maior vitoria foi a gran participación en todas as mobilizacións que se realizaron e que aínda continúan.

Comentarios