A CIG convoca 16 manifestacións por todo o país no Primeiro de Maio para reivindicar a paz, a soberanía e os dereitos laborais

A central sindical nacionalista desenvolverá mobilizacións na Coruña, Carballo (Bergantiños), Cee (comarca de Fisterra), Ferrol, As Pontes (O Eume), Compostela, Lugo, Cervo (A Mariña), Ourense, Verín (comarca homónima), Pontevedra, Vilagarcía de Arousa (O Salnés), A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), Vigo, Cangas (O Morrazo) e A Guarda (Baixo Miño).
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A CIG presentou esta segunda feira en rolda de prensa, a convocatoria de 16 manifestacións por todo o país o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema 'Traballo, Dereitos, Soberanía: Galiza contra as Guerras'.

Deste modo, a central sindical nacionalista desenvolverá mobilizacións na Coruña, Carballo (Bergantiños), Cee (comarca de Fisterra), Ferrol, As Pontes (O Eume), Compostela, Lugo, Cervo (A Mariña), Ourense, Verín (comarca homónima), Pontevedra, Vilagarcía de Arousa (O Salnés), A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), Vigo, Cangas (O Morrazo) e A Guarda (Baixo Miño).

Por outra parte, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou tamén a convocatoria na xornada desta cuarta feira 9 de abril, camiño do Primeiro de Maio, de asembleas de delegados e delegadas do sindicato en todas as comarcas do país que acabarán con mobilizacións diante da Xunta da Galiza a fin de reclamar "tres medidas fundamentais neste momento". 

A primeira delas, sinalou Carril, é o desenvolvemento dun "plan galego de recuperación económica, industrialización e creación e defensa dos servizos públicos e do emprego digno". Neste sentido, segundo dixo, "debe ser acometido a través de dúas medidas como son a intervención pública de sectores estratéxicos da economía e a garantía do aproveitamento dos nosos recursos para favorecer a creación de emprego digno". 

Así, o secretario xeral da CIG puxo o foco na necesidade de "completar ciclos produtivos no noso propio país, aumentar o valor engadido e diversificar a nosa capacidade produtiva e industrial, así como garantir un desenvolvemento en equilibrio territorial e ambiental onde rendibilidade social e non privada sexa unha realidade evitando a destrución de emprego e consolidando o respecto polos dereitos laborais e unhas mellores condicións de traballo".

A segunda reivindicación da CIG ante a Xunta será a creación dun "plan galego de protección social da atención ás persoas e de vivenda digna". Para isto, demanda a posta en marcha "dun sistema público galego de servizos de atención ás persoas", así como "recuperar e fortalecer os servizos públicos, nomeadamente o ensino e a sanidade, máis despois do éxito da convocatoria do domingo [a manifestación en Compostela en defensa da sanidade pública]". Nesta protesta, sostivo Carril, evidenciáronse "os intentos permanentes de mercantilizar, privatizar e desprotexer a máis sectores da poboación galega". 

E a terceira medida, continuou o secretario xeral da CIG, "é a aprobación de propostas e actuacións claras na dirección de que Galiza teña plenas competencias en todas as materias laborais, económicas e fiscais para que poidamos decidir o noso modelo económico e social e que, como pobo galego, teñamos unha alternativa de viabilidade de futuro na que poidamos vivir e traballar dignamente".

Militarismo e aranceis

Paulo Carril situou o Primeiro de Maio nun contexto de "profunda crise global, marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que reforza a explotación de clases e pobos". Así, denunciou que "o gasto militar e a guerra son ferramentas do imperialismo liderado polos Estados Unidos para soster este sistema". 

Ademais, salientou a guerra arancelaria como unha "oportunidade para abrir un novo rumbo estratéxico cara ao multilateralismo e á superación do eurocentrismo e a dependencia dos EUA". Finalmente, o secretario xeral da CIG cualificou de "obscena" a explotación de litio na Galiza por unha empresa aragonesa, "precisamente onde se xerará o valor engadido, na planta de Stellantis en Figueruelas".

Comentarios