Mobilización da CIG contra a "represión sindical" en Barreras: "Defender os postos de traballo non é un delito"

Seis sindicalistas foron xulgados esta segunda feira acusados de "coaccións" tras a ocupación simbólica da empresa o pasado ano, nun xuízo que quedou visto para sentenza e no que Barreras pediu multas de 1.080 euros por persoa.
Protesta convocada pola CIG diante dos Xulgados de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta convocada pola CIG diante dos Xulgados de Vigo. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) criticou esta segunda feira a situación "estrafalaria" que viven os traballadores do estaleiro Hijos de J. Barreras diante do xuízo contra seis sindicalistas denunciados pola dirección da empresa por supostas coaccións tras a ocupación "simbólica" das instalacións, decorrida en 2021, para reclamar carga de traballo e unha solución á crise que atravesa a compañía.

Así, levouse a cabo unha concentración "solidaria" ante as portas do Xulgado para insistir en que defender os postos de traballo "non é un delito" e para pedir que non se convertan "vítimas en verdugos".

"Estamos ante un feito insólito e moi grave", lamentou o secretario nacional da CIG, Paulo Carril, que asegurou que quen tiñan que sentar ante os tribunais son "quen levaron á ruína o estaleiro" e aqueles que "non están a facer nada" para atopar unha solución.

Neste senso, denunciou a xestión "lamentábel, pésima e mesmo delituosa" da empresa, a pesar de que ningún dos responsábeis "está procesado nun asunto penal" e si os empregados "por defenderen o seu posto de traballo".

Carril explicou que os seis traballadores están acusados de supostas coaccións pola ocupación simbólica das instalacións da empresa para reclamar carga de traballo.

Entre os acusados neste procedemento xudicial atópase o propio secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, ou o responsábel da CIG Industria na comarca, Xulio Fernández, así como outros tres sindicalistas da federación e o ex delegado da central sindical no comité de empresa de Barreras, Rafa Pérez, que tamén foi despedido como "represalia" por unha acción "reivindicativa" da que nin sequera participou.

O xuízo, segundo informou a CIG, quedou visto para sentenza tras a declaración dos acusados e as testemuñas propostas tanto pola acusación como pola defensa. Solicítanse multas de 12 euros ao día durante tres meses (1.080 euros).

Comentarios