A CIG anuncia mobilizacións contra a represión en Barreras

Representantes da CIG protestan ás portas do SMAC en Vigo (Foto: CIG).
O sindicato insiste na readmisión do seu representante sindical no estaleiro, unha petición á que Barreras non está disposta a acceder.

Coincidindo co acto de conciliación no SMAC, representantes da CIG mobilizáronse na cuarta feira en Vigo para denunciar a represión sindical en Hijos de J. Barreras e en demanda da readmisión do seu representante sindical no estaleiro, Rafa Pérez

Segundo denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a concentración, o despedimento de Pérez responde "ao intento de amedrentar, de querer calarnos a boca ante a crise que ten o sector naval na comarca de Vigo e a nosa exixencia á Administración de que actúen para evitala”.

Carril tamén aproveitou para solicitar a derrogación da reforma laboral, "que permite que siga avanzando a crise do naval e, en concreto, o ERTE de Barreras", e volveu reclamar unha intervención pública nos estaleiros e a creación dunha Mesa do Naval para a comarca de Vigo para facer fronte á crise do sector.

Unha solicitude que remitiu por carta á Ministra e ao conselleiro de Industria e da que aínda non obtivo resposta.

O acto de conciliación, pola súa banda, rematou sen avinza, xa que Barreras non puxo sobre a mesa a readmisión de Pérez. O traballador recibira a comunicación de despedimento o pasado 2 de xullo, na que a empresa restrinxía tamén o seu acceso ás instalacións.

Para xustificar a súa decisión, o estaleiro imputáballe dúas faltas por presunto abandono do posto de traballo e por ter supostamente facilitado o acceso para realizar unha ocupación simbólica das instalacións o pasado 27 de maio, incumprindo ademais o protocolo covid, argumentos que o propio Pérez tacha de falsos e inventados pola empresa para despedilo.

A CIG xa anunciou que nas próximas semanas convocará novas mobilizacións en demanda da súa readmisión, contra a represión sindical en Barreras e para exixir a intervención das Administracións para frear a crise que azouta o naval vigués.