A CIG advirte de que o persoal dos centros de menores está "abocado á mobilización ao non obter compromisos de Política Social"
A CIG-Ensino reclamou durante a reunión coa Consellaría de Política Social un complemento salarial autonómico para o perto do milleiro de traballadores e traballadoras dos centros de menores privatizados, o adianto da homologación salarial nas mesmas categorías entre distintos centros prevista para o ano 2029, así como a aplicación desde xaneiro das táboas salariais sen ter que agardar a novos pregos de contratación.
Porén, denunciou a propio sindicato, o director xeral de Familia limitouse a concretar que cumprirán o V Convenio estatal e que actualizarán o Decreto galego de ratios de 2005 para adaptalo á normativa vixente.
"Mais nin unha soa mención á proposta do sindicato maioritario de que Política Social medie para a constitución dunha mesa de negociación para que exista un convenio galego digno, como xa teñen outras comunidades, nin de camiñar cara homologar salarialmente o persoal que traballa nos centros privados cos públicos, como si fai a Xunta no ensino concertado", segundo destacou a central sindical.
A reunión, á que acudiron delegadas e delegados da central sindical nacionalista nos distintos tipos de centros e o responsábel de ensino privado na organización, Henrique García, "non puido ser máis decepcionante".
Tal e como sinalou García ao remate, "Política Social coa súa inacción está abrindo conflitos en lugar de evitalos ou fechalos e despois de non achegar ningún compromiso nin proposta concreta está convidando directamente o persoal destes centros a iniciar mobilizacións".
Tres reclamacións fundamentais
A CIG, que conta coa maioría da representación legal dos perto de mil traballadores e traballadoras que prestan servizos nos 80 centros espallados polo territorio, acudiu con tres reclamacións chave para iniciar un Marco Galego de Relacións Laborais.
A primeira, o recoñecemento dun complemento autonómico, como o que teñen en Madrid por exemplo, "que permita paliar a perda de poder adquisitivo rexistrada nos últimos anos, a falta de progresión laboral e que non se compense ben a turnicidade, a antigüidade, o traballo en festivos nin a perigosidade".
Por outra parte, a homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos centros, dado que os de protección de menores "están discriminados ao respecto dos de reforma xuvenil, cando a formación que se exixe é a mesma e realizan as mesmas funcións".
Ademais, demandan a aplicación de forma inmediata a todo o persoal traballador e desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio estatal, que a CIG-Ensino non asinou por consideralo "insuficiente", sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos ás ONG, fundacións e asociacións, sen ánimo de lucro, que xestionan estes centros.

