CCOO conmemora o 10 de marzo cunha chamada a “manterse firmes nos nosos valores”

Ofrenda floral realizada por CCOO este domingo no monumento ao 10 de marzo de Ferrol. (Foto: Nós Diario)

O sindicato realizou este domingo unha ofrenda floral no monumento ao 10 de marzo

CCOO conmemorou este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, lembrando os feitos de 1972 en Ferrol que “provocaron a convulsión dun sistema ditatorial”.

Este domingo, CCOO participou en Ferrol no acto in memóriam de Amador e Daniel, que foron asasinados pola policía represiva do réxime cando se manifestaban polos seus dereitos. Unha ofrenda floral que culminaron cun acto de mobilización, lembranza e recoñecemento á loita a prol dos dereitos das traballadoras e traballadores: unha manifestación desde o estaleiro de Navantia até o monumento ao 10 de Marzo.

“Esa lembranza é a que nos move a mantermos firmes nos nosos valores. Daquel 10 de marzo de 1972 mantemos o vencello das Comisións Obreiras coa loita polas liberdades e a democracia”, afirmaron desde o sindicato.

“A responsabilidade e o compromiso que caracterizaron os feitos de 1972 en Ferrol fanse hoxe en día máis necesarios ca nunca, porque non podemos permitir caer na demagoxia barata de certos sectores da sociedade e da ultradereita, que nos queren retrotraer a aqueles tempos en que os peor parados son sempre os que menos teñen. É a nosa responsabilidade sermos conscientes de que un Estado como o noso será social ou non será”.

Premios 10 de marzo

O pasado sábado, 2 de marzo, CCOO entregou os Premios 10 de marzo a Xosé Manuel Sánchez Aguión, María Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes. No acto, que estivo conducido pola xornalista Aida Pena, participaron, ademais das persoas galardoadas, a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, e o secretario xeral confederal, Unai Sordo.