Máis dun cento de vehículos claman contra a temporalidade no sector público

Mobilización en Compostela para denunciar o "abuso" nas contratacións temporais da Administración.
Caravana de coches polas rúas de Compostela, na mañá deste domingo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Caravana de coches polas rúas de Compostela, na mañá deste domingo (Foto: Nós Diario).

Este domingo ás 11 horas partiu do Pazo de Congresos de Compostela unha caravana de vehículos manifestándose en contra do que consideran un "abuso" nas contratacións temporais por parte do sector público.

Na mobilización participaron arredor de 130 coches, superando o centenar que prevía a organización.

O evento rematou ás portas das instalacións da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), en San Marcos, coa lectura dun manifesto.

"A afluencia de xente foi impresionante, é moi emocionante ver tanta xente aquí reunida", relata en declaracións a Nós Diario Pablo Fernández Lois, representante da Confederación Nacional do Traballo (CNT) no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, onde "máis de 90%" das empregadas son temporais.

Reclamacións

"O abuso dos contratos temporais é unha práctica moi estendida en todas as administracións, desde a máis pequena á máis grande", asegura.

Deste modo, estase a incorrer no "incumprimento da Directiva comunitaria 1999/70/CE", que fai referencia á temporalidade no sector público.

Por outra banda, as mobilizacións percorreron tamén numerosas cidades do Estado español reclamando "fixeza" nos seus contratos: "A nivel estatal hai máis de 800.000 persoas nesta situación", engade Fernández a este xornal.

Comentarios