O persoal de Barreras protesta pola venda a Armón, que só garante 20 de 120 empregos

Protestas dos traballadores fronte á factoría. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Din que a decisión da xuíza, que rexeitou a oferta de Gondán malia garantir a continuidade da "práctica totalidade" do persoal, puido estar "influenciada" por un informe da administración concursal "totalmente falseado".

Medio centenar de traballadores do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras protestaron na mañá desta cuarta feira ás portas das instalacións da compañía, logo de que na terza o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, autorizase a venda da unidade produtiva da firma a Estaleiros Armón.

Nunha concentración convocada polo comité de empresa, decenas de empregados de Barreras manifestaron o seu rexeitamento á venda da compañía a Armón, que só quedará con 20 das 120 persoas do cadro. Con berros de "Barreras solución" e "Non aos despedimentos", os traballadores cortaron a avenida de Beiramar portando unha pancarta que rezaba 'Futuro industrial igual a mantemento do emprego', alén de varios carteis con críticas a Ritz-Carlton, actual propietario.

Entre as súas reclamacións, os traballadores tamén solicitaron á Xunta da Galiza a súa "implicación" para tratar de atopar unha solución a este conflito. Así, o presidente do comité, Sergio Gálvez (UXT), insistiu en que o sindicato está a buscar alternativas para recorrer a decisión, mesmo presentando unha denuncia penal contra Ritz-Carlton.

Gálvez subliñou que a decisión da xuíza puido estar "influenciada" por un informe da administración concursal "totalmente falseado" e con datos "falsos". Neste senso, indicou que a resolución recolle que se "sacrifican" cen traballadores de Barreras para que os acredores da compañía —moitos deles empresas auxiliares— poidan cobrar as súas débedas e así salvar os seus empregados, que ascenderían a perto de 6.000.

Con todo, desde UXT calculan que o total de traballadores sería duns 750, polo que o impacto non sería para 6.000 persoas. Aliás, indican que a carga de traballo que ofrece Armón para Barreras "xa está adxudicada a outras empresas do grupo" e que mesmo algunha destas firmas leva anos en "subactividade".

A maxistrada explicou no auto que, á hora de tomar a decisión sobre a venda da unidade produtiva, tivo en conta que "o beneficio dalgúns interesados vai en prexuízo doutros". Así, advirte que, "se se mantén a estrutura empresarial existente para evitar a perda de postos de traballo, favorécese aos traballadores da concursada, pero á conta dos acredores e dos traballadores destes acredores, que tamén se ven afectados".

Mais cómpre lembrar que o comité de traballadores de Barreras xa se pronunciara en numerosas ocasións a prol da venda do estaleiro a Gondán, xa que a súa proposta garantía a continuidade da práctica totalidade dos postos de traballo.