Industria

A Xustiza autoriza a venda de Barreras a Armón en contra da vontade dos traballadores

Os xulgados de Vigo aceptaron esta proposta por ser a mellor a nivel económico, malia que o persoal optaba por Gondán porque garantía a práctica totalidade dos empregos mentres Armón fala dunha vintena dos cen que quedaban no estaleiro.
Un dos accesos á factoría de Barreras (Foto: Pedro Davila/Europa Press).
photo_camera Un dos accesos á factoría de Barreras en Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, vén de autorizar a administración concursal de Hijos de J. Barreras para que leve a cabo a venda da unidade produtiva do estaleiro por 14.700.000 euros a favor da mercantil Estaleiros Armón Vigo. O auto, contra o que non cabe presentar recurso, recolle que Armón subrogará vinte traballadores da concursada. A formalización da compravenda deberá realizarse no prazo dun mes, computado dese esta terza feira, data de notificación da resolución.

A maxistrada explica no auto que, á hora de tomar a decisión sobre a venda da unidade produtiva, tivo en conta que "o beneficio dalgúns interesados vai en prexuízo doutros". Así, advirte que, "se se mantén a estrutura empresarial existente para evitar a perda de postos de traballo, favorécese aos traballadores da concursada, pero á conta dos acredores e dos traballadores destes acredores, que tamén se ven afectados".

Por iso, salienta na resolución que para resolver cal das tres ofertas presentadas debía ser a adxudicataria da unidade produtiva se atendeu ao "interese do concurso", é dicir, "á satisfacción dos intereses dos acredores".

Na resolución, asegura que a minimización da perda dos postos de traballo, na medida do posible, se terá en conta “cando non entre en conflito co interese do concurso”. A continuación, a xuíza analiza cada unha das ofertas e, en primeiro lugar, indica que a de Marina Meridional é rexeitada porque "non cumpre ningún dos presupostos necesarios para adxudicarlle a unidade produtiva".

A respecto da oferta económica de Estaleiros Gondán, precisa que, no seu conxunto, non supera a oferta presentada por Estaleiros Armón. Por iso, "como garantía do interese dos acredores e do resto de intereses en conflito", a xuíza autorizou a venda da unidade produtiva a esta última empresa.

A maxistrada subliña que "a sustentabilidade do tecido empresarial e industrial do sector auxiliar e complementario da actividade de Hijos de J. Barreras, vinculada ao sector naval, determina que haxa que velar pola satisfacción dos créditos de quen, como acredores, concorren ao proceso".

O persoal, a prol de Gondán

Cómpre lembrar que o comité de traballadores de Barreras xa se pronunciara en numerosas ocasións a prol da venda do estaleiro a Gondán, xa que a súa proposta garantía a continuidade da práctica totalidade dos postos de traballo.

Comentarios