Acusan Endesa de prexudicar ao persoal da Térmica das Pontes
O comité de empresa da planta das Pontes acusou á compañía de "prexudicar" ao cadro de persoal co seu plan para reiniciar a central térmica da localidade, para o que adquiriu recentemente carbón coa idea de reactivar o sistema.
Esta terza feira mesmo anunciouse que o primeiro barco con este mineral atracará na tarde desta quinta feira, 28 de outubro, no porto exterior de Ferrol.
Nun comunicado, os representantes sindicais censuran a "total improvisación e indiferenza" que, din, leva a cabo a compañía cara a "o seu maior activo, o persoal".
"Saímos prexudicadas de novo as traballadoras e traballadores tanto da central térmica das Pontes como no porto de Ferrol", incide o comité.
Critican que se executasen "unha chea" de traslados "innecesarios, cando non susceptíbeis de ser irregulares" que, sosteñen, provocaron "situacións dramáticas en familias da comarca chegando, nalgúns casos, a deixar a empresa".
O comité carga contra a dirección por "improvisar" unha modificación do calendario de quenda para os dous meses nos que prevé retomar a actividade nas Pontes.
Denuncian "malos tratos"
Advirten que esta situación carrexará "consecuencias na conciliación laboral e familiar" de persoal de Operación, "que a multinacional non quere completar na quenda a pesar de que é imprescindíbel para dar cumprimento á normativa laboral e á lexislación vixente".
Porén, tras subliñar o respaldo do comité de empresa aos proxectos presentados por Endesa como alternativas ao feche da térmica, denuncian os "malos tratos" que, ao seu xuízo, comete a empresa cos seus empregados e apela ás Administracións galega e española para que interveñan.