A reapertura das térmicas de Meirama e As Pontes podería pór en risco fondos europeos

A entidade ecoloxista Arco Iris exixe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que aclare se a posíbel recuperación da actividade nas dúas centrais galegas "podería afectar o destino" da partida da Unión Europea destinada á "descarbonización". A plataforma incide en que a ambas comarcas corresponderíanlles 111 millóns de euros.
A central térmica de Meirana, en Cerceda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Servizo Ilustrado / Europa Press)
photo_camera A central térmica de Meirana, en Cerceda, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Servizo Ilustrado / Europa Press)

A organización ecoloxista Arco Iris comunicou publicamente o envío dun escrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no que instan a este departamento a aclarar "se a reapertura das térmicas das Pontes e/ou Meirama podería afectar o destino dos fondos da UE para a descarbonización".

Agora que Endesa podería estudar a recuperación temporal da actividade nas factorías, a plataforma advirte de que o Consello Europeo aprobou en xuño o Regulamento do Fondo Europeo de Transición Xusta, "dotado con 17.500 millóns de euros e que servirá para facilitar o impulso e a actividade económica en territorios que están ou estiveron vinculados a combustíbeis fósiles como o carbón".

É o caso, en concreto, dos municipios de Cerceda -onde está o complexo industrial de Meirama- e As Pontes. "Dos 17.500 millóns, a España correspóndenlle 790 millóns", subliña o colectivo.

Aliás, alerta de que entre xuño e xullo tivo lugar un proceso de participación pública para a elaboración do Convenio de Transición Xusta para As Pontes, organizado polo Ministerio, co fin de mobilizar os fondos da UE.

"Ás comarcas das Pontes e Cerceda correspóndenlles da partida total un montante de 111 millóns de euros, xestionados polo Goberno e a Xunta", lembrou na súa misiva Arco Iris.

"Os fondos europeos destinados a compensar ás comarcas afectadas polo fechamento das centrais térmicas están a ser tramitados en función do compromiso dos estados membros no proceso de transición enerxética", incide, tal e como o fixo na comunicación destinada ao Goberno español.

Neste contexto de risco, interroga ao Ministerio para coñecer se este "é consciente de que a posta en marcha das centrais térmicas pode comprometer o transvasamento de fondos europeos".

"No caso de que esa retirada se produza, como pretende articular mecanismos de compensación adecuados ao xa en vigor convenio de Transición Xusta", quere saber a entidade ecoloxista.

Comentarios