50.000 fogares galegos teñen todos os seus membros no paro
Un total de 50.700 fogares galegos tiñan todos os seus membros activos en paro ao remate do primeiro trimestre de 2022, o que supón, con todo, 200 menos que nos tres meses anteriores —a 31 de decembro 2021—.
Esta cifra supón 4.400 fogares menos que no mesmo período de 2021, o que se traduce nunha redución de 8%, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) esta quinta feira.
Pola súa parte, os fogares nos que todos os seus compoñentes activos son ocupados diminúen en 4.300 unidades a respecto do anterior trimestre (-0,7%), cun total de 630.600. Con todo, na comparativa interanual hai 30.900 fogares máis nesta situación (+5,2%).
Do total de 1.117.800 de fogares rexistrados no país, hai 360.400 nos que non existe ningún membro activo, unha cantidade superior en 1.400 fogares deste tipo ao dos anteriores tres meses (+0,4%). Se se compara co primeiro trimestre de 2021, son 3.600 menos (-1%).
Precisamente esta quinta feira a Enquisa de Poboación Activa (EPA) evidenciou que só un de cada dous galegos e galegas ten traballo actualmente ou está nunha situación de busca activa de emprego, xa que a taxa de actividade galega é a segunda menor do Estado (52,66%).
Segundo os datos que ofrece a EPA, na Galiza só ten traballo 43% das persoas maiores de 16 anos —incluíndo a poboación activa e inactiva—.
Aliás, a taxa de desemprego xuvenil —persoas de entre 16 e 25 anos— é de 32% na Galiza, o que supón que só un de cada tres mozos en disposición activa de traballar ten un emprego actualmente.