50.000 fogares galegos teñen todos os seus membros no paro

Aliás, en 360.400 fogares non existe ningún membro activo a día de hoxe.
Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
photo_camera Até 360.000 fogares non teñen ningún membro activo. (Foto: Arxina)

Un total de 50.700 fogares galegos tiñan todos os seus membros activos en paro ao remate do primeiro trimestre de 2022, o que supón, con todo, 200 menos que nos tres meses anteriores —a 31 de decembro 2021—.

Esta cifra supón 4.400 fogares menos que no mesmo período de 2021, o que se traduce nunha redución de 8%, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) esta quinta feira.

Pola súa parte, os fogares nos que todos os seus compoñentes activos son ocupados diminúen en 4.300 unidades a respecto do anterior trimestre (-0,7%), cun total de 630.600. Con todo, na comparativa interanual hai 30.900 fogares máis nesta situación (+5,2%).

Do total de 1.117.800 de fogares rexistrados no país, hai 360.400 nos que non existe ningún membro activo, unha cantidade superior en 1.400 fogares deste tipo ao dos anteriores tres meses (+0,4%). Se se compara co primeiro trimestre de 2021, son 3.600 menos (-1%).

Precisamente esta quinta feira a Enquisa de Poboación Activa (EPA) evidenciou que só un de cada dous galegos e galegas ten traballo actualmente ou está nunha situación de busca activa de emprego, xa que a taxa de actividade galega é a segunda menor do Estado (52,66%).

Segundo os datos que ofrece a EPA, na Galiza só ten traballo 43% das persoas maiores de 16 anos —incluíndo a poboación activa e inactiva—.

Aliás, a taxa de desemprego xuvenil —persoas de entre 16 e 25 anos— é de 32% na Galiza, o que supón que só un de cada tres mozos en disposición activa de traballar ten un emprego actualmente.

Comentarios