EPA: no primeiro trimestre de 2022 destruíronse 6.000 empregos na Galiza

O número de persoas paradas sobe dous puntos por riba da media estatal. Aliás, a Galiza ten a segunda taxa de actividade máis baixa do Estado español.
Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
photo_camera A taxa de paro da Galiza fica en 11,44%. (Foto: Riobó Prada)

Só un de cada dous galegos e galegas ten traballo actualmente ou está nunha situación de busca activa de emprego. Esa é unha das principais conclusións que se pode extraer da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2022, publicada esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, a taxa de actividade galega é de 52,66%, unha cifra só superior á de Asturies (49,86%) e que dista moito da que rexistran Madrid, Melilla Balears, á cabeza, con datos de 63,9%, 63,44% e 63,09%, respectivamente. Na Galiza este indicador segue a reflectir unha importante fenda de xénero: 57,15% no caso dos homes, 48,54% para as mulleres.

A poboación activa —maiores de 16 anos con traballo ou en situación de busca activa— medra 0,49% a respecto do último trimestre de 2021, e 1,18% en comparanza co primeiro trimestre do pasado ano.

Suba do paro

O número de persoas paradas, pola súa parte, aumenta en case 6.000 en comparanza co trimestre anterior —o último de 2021—, o que supón un incremento de 4,43% —dous puntos máis que o conxunto do Estado—. Porén, tomando como referencia o mesmo período do pasado ano, a poboación en paro cae en perto de 17.300, isto é, 10,91% menos.

A este respecto, se ben a poboación ocupada experimenta unha repunta de 2,98% comparando co primeiro trimestre de 2021 —cando seguían vixentes as restricións pola pandemia da Covid-19—, o crecemento foi de menos de 0,1% sobre o último período do pasado ano, precedente destes datos.

A Galiza rexistra unha taxa de paro de 11,44%, a oitava menor do Estado español, cuxa media é dous puntos superior á galega, e novamente apréciase a fenda de xénero: 10,1% para os homes, 12,9% para as mulleres.

Datos estatais

No conxunto do Estado o paro subiu en 70.900 persoas (+2,3%), mentres a ocupación minguou en 100.200 postos de traballo (-0,5%). Deste modo, a taxa de paro sobe até 13,65%.

Comentarios