Zero Covid, a "única maneira de recuperar unha normalidade duradeira"

A estratexia Zero Covid defende a supresión fronte a mitigación do virus para unha normalidade duradeira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Esta estratexia, implantada con éxito en países como Corea do Sur, Australia ou Nova Zelandia, require rapidez e contundencia para frear a transmisión do coronavirus.

"Desde o primeiro día os chineses déronnos as pautas para unha estratexia Zero Covid, non de mitigación, senón de eliminación do virus", explica a Nós diario María Jesús Díaz Candamio, médica especialista en Radioloxía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e parte da plataforma Libres de Covid,  integrada por persoas expertas e cidadáns que piden ás autoridades converter a Galiza nunha zona verde Zero Covid, cunha incidencia moi baixa, próxima a cero, "sen contaxios nin mortes, mais tamén sen restricións", o que permitiría recuperar unha normalidade a longo prazo.

Galiza está perdendo a oportunidade de implantar a estratexia Zero Covid

A estratexia Zero Covid recolle a experiencia de países como China, Corea do Sur, Australia ou Nova Zelandia. Antes ou despois apostaron por frear a circulación do SARS-CoV-2 cun conxunto de medidas "estritas e proactivas" que situaban no horizonte a eliminación do virus. "Como chegar a cero e suprimir o coronavirus é moi difícil, o que se intenta é alcanzar unha incidencia o máis baixa posíbel, de entre 10 e 25 casos por goza dunha por 100.000 habitantes nos últimos sete días. O que se consegue con esta incidencia mínima é que o rastrexo de casos sexa eficiente", sinala Díaz Candamio, ao contrario do que sucede en territorios cunha alta transmisión do virus "onde o rastrexo non é capaz de detectar todos os casos".

Australia aplicou o Zero Covid despois de estar varios meses cunha estratexia de mitigación, precisa, "o que nos demostra que é posíbel dar ese salto". E aínda máis, que se pode facer con éxito, "xa que nas zonas verdes, cunha baixa incidencia e transmisión, o que se consegue é ter unha vida social normal e iso economicamente ofrece resultados".

"Pensar ao grande"

A estratexia Zero Covid "é a única maneira de recuperar unha normalidade duradeira", afirma María Jesús Díaz Candamio, quen incide na necesidade de combinar o efecto das vacinas coa supresión do virus para deter o impacto máis negativo da Covid-19. "Non sabemos as consecuencias que vai ter a máis longo prazo en adultos que padeceran a enfermidade nin en persoas asintomáticas que descoñecen que a pasaron". 

Neste sentido, Díaz Candamio asegura que Galiza está perdendo a oportunidade de implantar a estratexia Zero Covid. "Hai tres semanas estabamos mellor que agora e sen a presenza dunha variante preocupante como a india", lembra. 

O mellor tempo pasou, ás portas do verán de 2020. Galiza e o resto de Europa perderon aí a grande ocasión de sumarse a unha estratexia de eliminación que exixe "pensar ao grande" en termos de saúde pública a partir da responsabilidade individual e do compromiso das Administracións. 

O ideal é actuar con incidencias baixas para garantir o illamento das persoas que o necesitan

"Agora sería factíbel aplicar unha estratexia Zero Covid pero sería máis difícil". Exixiría confinamentos selectivos onde hai surtos declarados ou unha repunta da incidencia, cribados obrigatorios e un acceso continuado a tests gratuítos. "O ideal é actuar con incidencias baixas para garantir o illamento das persoas que o necesitan. E aí o Estado debería intervir para asegurar un illamento nas mellores condicións. Se se fai ben é máis efectivo e rendíbel que todos os ERTE e as restricións coñecidas", conclúe Díaz Candamio, quen lamenta o "caos" derivado da estratexia de mitigación. 

Galiza: territorio periférico e baixa incidencia 

As consecuencias desta pandemia e da enfermidade crónica serán aínda visíbeis dentro duns anos, asegura María Jesús Candamio, "pero hoxe creo que aínda merece a pena aplicar a estratexia Zero Covid, aínda que só sexa como ensaio para a seguinte". Esta experta en Radioloxía avoga por actuar rápido e de forma contundente sen desprezar ningún caso "procedente dun barco onde se confirmou a presenza da variante india ou dun colexio onde a curva de contaxios é alarmante, como a do CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros". Galiza goza dunha posición avantaxada, di. "Ten unha incidencia baixa e é un territorio periférico, mal comunicado. Debería camiñar cara a Covid cero a canda Asturias, Castela e Portugal con medidas de rastrexo e control moi serias, exhaustivas, excepcionais, de seren necesarias, e procurar unha sociedade concienciada".