O Estado recorre ao exército para vacinar ás deportistas

Sanidade militariza a campaña de vacinación
Alejandro Blanco e Margarita Robles (esquerda), con Uribes e Carolina Darias. (Foto: Europa Press).
photo_camera Alejandro Blanco e Margarita Robles (esquerda), con Uribes e Carolina Darias. (Foto: Europa Press).

Ana Peleteiro, Támara Echegoyen, Iago López Marra, Nico Rodríguez, Carlos Arévalo, Rodrigo Germade, Teresa Portela, Adrián Ben, Belén Toimil, Caetano Horta e o resto de deportistas galegas e do conxunto do Estado que sexan quen de facerse cunha praza para participar nuns Xogos Olímpicos de Tóquio 2021 que teñen previsto comezar o vindeiro día 23 de xullo serán vacinados polo exército español.

Así o anunciaron nunha rolda de prensa conxunta as ministras de Defensa, Margarita Robles; Sanidade, Carolina Darias, e Cultura e Deporte, carteira ocupada por  José Manuel Rodríguez Uribes.

A primeira confirmou que o protocolo a seguir para a vacinación da totalidade da expedición será "moi similar" ao que se empregou "para os 77.000 homes e mulleres das Forzas Armadas".

"Temos dispoñibilidade total, vacinaremos nos distintos sitios onde o exército ten instalacións sanitarias, que basicamente é en todas as provincias de España. O que queremos é dar a maior facilidade para que cada deportista poida vacinarse no lugar onde resida", engadiu a responsábel de Defensa.

A ministra de Sanidade, na mesma liña, engadiu que os e as deportistas olímpicas recibirán a vacina de Pfizer, e cualificou a inminente disputa dos Xogos como "unha boa nova" e "un indicador positivo de que estamos a volver día a día á normalidade".  "Cada vez estamos máis preto, pero aínda nos queda camiño por percorrer. En España xa hai máis persoas con pauta completa de vacinación que con contaxio notificado, e xa superamos os cinco millóns de persoas vacinadas con pauta completa, o que significa que o proceso de vacinación vai a moi bo ritmo. Cada día batemos un novo récord", destacou.

Pola súa banda, Rodríguez Uribes cualificou a militarización da vacinación das atletas olímpicas como " unha decisión de país para uns Xogos Olímpicos que poden supor un punto de inflexión para a humanidade ante a pandemia".

Finalmente, o outro gran piar do deporte no Estado, o presidente do Comité Olímpico Español (COE), o galego Alejandro Blanco, non puido precisar a cantidade de viais que se reservarán para ás deportistas, mais apostilou que a cifra podería estar "arredor dos 550 ou os 600".

Comentarios