A Xustiza recoñece o dereito a conciliar a unha empregada de Inditex

Interior dunha tenda de Stradivarius. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Recoñecen a unha traballadora de Stradivarius o dereito a reducir a súa xornada laboral e a concretar un horario que lle permita coidar da súa crianza.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) emitiu onte unha sentenza favorábel a unha traballadora dunha tenda de Stradivarius localizada na praza de Lugo da Coruña, recoñecéndolle o dereito a reducir a súa xornada laboral e a concretar un horario que lle permita coidar da súa crianza.

Ao tempo, o veredicto en contra da compañía, propiedade de Inditex, condénaa a pagar  3.000 euros en concepto de danos e perdas á traballadora, que solicitara a finais de 2019 unha excedencia para asumir o coidado da cativa.

Na decisión do pasado 25 de novembro de 2021, o TSXG relata que o 14 de setembro de 2020, a traballadora pedira unha redución da xornada a 25 horas semanais, de segunda a sexta feira de 10 horas a 15 horas.

Aínda que a empresa aceptou a diminución da xornada laboral, negouse a aceptar os horarios propostos, o que desencadeou a denuncia e posterior recurso a unha sentenza do Xulgado do Social 4 da Coruña.

No auto, o tribunal indica que a denegación da proposta de conciliación produciuse a pesar de que a traballadora está na empresa desde 2006, e que ten un contrato indefinido a tempo parcial, nunha tenda con 22 persoas contratadas con quendas rotatorias.

Denuncian que a empresa non mudou a súa conduta

A Confederación Intersindical Galega (CIG) acusou Inditex de “non rectificar a súa política”, continuando a supeditar “facilitar os dereitos de conciliación do seu persoal a que acredite non ter outras alternativas de coidado, como unha parella ou outra persoa da familia que se poida facer cargo do menor durante o seu horario de traballo”.

Nese sentido, reitera que “a vulneración dos dereitos de conciliación forma parte da política laboral de Inditex”, polo que o persoal vese na obriga de “ter que recorrer permanentemente á Xustiza para poder gozar dos seus dereitos".

Para a CIG, os “obstáculos continuos” da multinacional obedece a un intento de "desincentivar o persoal e que renuncie a solicitar reducións e adaptacións horarias por coidado, e así aforrar en contratacións", resolve.