O persoal das tendas de Inditex rebélase contra o "ERE encuberto" da empresa

Unhas 200 empregadas e empregados protestaron no centro da Coruña convocadas pola CIG. Desde a central nacionalista afirman que o grupo empresarial de Amancio Ortega reduce estabelecementos sen dar máis alternativas que traslados e perda de condicións laborais.
Concentración das traballadoras e dos traballadores das marcas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear onte na Coruña (Nós Diario).
photo_camera Concentración de persoal das marcas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear na Coruña (Foto: Nós Diario).

As tendas do grupo Inditex das cidades e vilas das comarcas da Coruña viviron esta segunda feira unha xornada de folga convocada pola CIG contra o que consideran un "expediente de regulación de emprego (ERE) encuberto" por parte da multinacional.

Numerosos estabelecementos das marcas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear fecharon, cun maior seguimento naqueles que xa teñen anunciada e sinalada a data do seu fechamento. Ao mediodía unhas 200 traballadoras e traballadores concentráronse na praza de Lugo da Coruña, onde o grupo téxtil ten algunhas destas tendas, para amosar a súa protesta diante a súa situación. 

A estratexia de "agochar" o ERE nas tendas

A CIG é a forza sindical con maior representación nas tendas e, nalgúns casos, como explica o responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, "a única que hai". As condicións que conseguiron estes anos fan que estean en mellor situación que o resto de estabelecementos espallados polo Estado español, razón pola que, segundo este sindicalista, "buscaron a maneira de que a negociación fose en Madrid". 

O acordo con estes sindicatos ten, para a CIG, "criterios de reparto de prazas arbitrarios, inxustos e que mudan a cada pouco". Este sindicalista pensa que o grupo de Amancio Ortega "agochou, disfrazando de modificación substancial negociada a nivel estatal", un despedimento colectivo para que non afectase á imaxe da propia multinacional. "Debería facer un ERE e negocialo cunhas condicións claras, aínda que pensamos que ten capacidade abondo para reabsorber todos os postos de traballo das dependentas", opina. 

Desde a central nacionalista indican que "o aumento da venda por Internet fará que Inditex saia reforzada da crise, aumentando máis o liderado no sector do que tiña antes" e un exemplo é que "o pasado ano tivo máis de 1.000 millóns de euros en beneficios". 

Redución drástica dos estabelecementos 

Pérez denuncia que con esta estratexia empresarial "quedarán polo camiño postos de traballo e dereitos laborais". Entre as condicións que transmitiron nas tendas localizadas nas comarcas da Coruña ofrecen reincorporarse nas de Pontevedra "con xornadas de 16 horas, polo que moitas optarán por marchar". 

O conflito aberto nas tendas de Inditex enmárcase no proceso iniciado pola multinacional a primeiros de ano e que na Galiza suporá o fechamento de 24 establecementos. Desde que comezou, fecharon as tendas de Massimo Dutti nos centros comerciais Marineda City (A Coruña), A Ponte Vella e As Termas (Ourense). Tamén Zara Home das Cancelas e Uterqüe, ambos en Compostela. Quedarían pendentes para xullo os fechamentos de seis máis que estarían situados na Coruña (3), Narón (2) e Ferrol. 

Pérez explica a Nós Diario que a convocatoria desta segunda feira, que cualifica de "éxito", se realizou nas comarcas da Coruña por ser onde se concentran "a maior parte das tendas que Inditex quere fechar". En todo caso, afirma que as mobilizacións continuarán por todo o territorio posto que "seguirán cos fechamentos en todo o país".

Comentarios