A xustiza ratifica a compra de 'El Correo Gallego' por parte de Prensa Ibérica.

Sede de 'El Correo Gallego' en Compostela (Foto: Nós Diario)
Nunha resolución contra a que non cabe recurso, o xulgado confirma definitivamente a venda por 1,6 millóns de euros ao grupo Prensa Ibérica ao entender que as entidades recorrentes non achegaron "documentación acreditativa da súa solvencia económica".

O xulgado do Mercantil número 2 da Coruña ratificou a adxudicación a Prensa Ibérica da cabeceira compostelá El Correo Gallego ao desestimar o recurso presentado polo grupo de empresas que tamén presentara oferta no proceso concursal para facerse con Editorial Compostela, matriz do diario.

Nunha resolución contra a que non cabe recurso, o xulgado confirma definitivamente a venda por 1,6 millóns de euros ao grupo Prensa Ibérica ao entender que as entidades recorrentes non achegaron "documentación acreditativa da súa solvencia económica".

Solvencia

A maxistrada remarca que a oferta do grupo editor de cabeceiras como Faro de Vigo presenta "a maior solvencia económica, a experiencia no sector, o maior prezo ofrecido e a forma de pago", polo que é a oferta que "garante en maior medida a continuidade da empresa no seu conxunto e dos postos de traballo, así como a mellor e máis rápida satisfacción dos créditos dos acredores".

A denegación do recurso presentado polo grupo de empresas ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital fecha a venda da cabeceira compostelá a Prensa Ibérica, proposta elixida polo administador concursal e ratificada en sentenza xudicial emitida o pasado mes de novembro.

Nela, a maxistrada determinou que a proposta de Prensa Ibérica "supón un gran beneficio para os intereses dos acredores" e constitúe "o único sistema posíbel para a continuidade da actividade empresarial".

Votacions do persoal

A resolución xudicial incorpora o resultado das votacións levadas a cabo entre o persoal de  El Correo Gallego, integrada na actualidade por 46 empregados -aos que se suman outros 15 contratados a través dunha empresa de traballo temporal- e que apoiou de forma maioritaria a oferta promovida pola unión das tres compañías.