A xustiza frea de forma cautelar o proxecto eólico Chao do Marco, nos Ancares, por dano ambiental "irreparábel"

Zona afectada polo parque eólico Chao do Marco nos Ancares. (Foto: Adega).

A decisión compromete o macroproxecto que Enel Green Power promove nas montañas dos Ancares por pór en risco hábitats protexidos e especies en perigo.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de estimar a solicitude de Adega de paralizar de forma cautelar o parque eólico Chao do Marco, promovido por Enel Green Power en Becerreá (Os Ancares). Esta decisión afecta un dos catro proxectos que forman parte do macropolígono eólico de máis de 130 MW que a empresa pretende instalar nesa zona de montaña, entre Baralla e Becerreá, xunto cos parques Serra do Furco –tamén paralizado temporalmente a instancias de Adega dano ambiental "irreparable"–, Serra do Colmo e Serra de Piñeira, no que supón unha ofensiva legal contra este macroproxecto eólico nunha zona de alto valor ambiental.

A Sala do contencioso-administrativo do TSXG considera que existen indicios suficientemente acreditados de risco de dano ambiental "irreparábel" ou de "difícil reparación" –incluso aplicando medidas correctoras dano ambiental "irreparable"– sobre hábitats prioritarios e especies protexidas, e que se debe, polo tanto, aplicar o principio de precaución e de prevención do dereito comunitario.

Esta paralización cautelar supón que, malia a contar o parque coa autorización administrativa e de construción da Xunta da Galiza, as obras deste polígono industrial non se poderán iniciar até que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos pola entidade ecoloxista.

Incompatible coa conservación ambiental

O parque eólico Chao do Marco, con oito aeroxeradores de 200 metros de altura, está proxectado nunha zona de alta montaña da comarca dos Ancares, con presenza de hábitats prioritarios e especies en perigo como o millafre real, a tartaraña cincenta ou a gatafornela. No lugar afectado perviven varios núcleos de poboación que se dedican á agricultura e á gandería tradicional.

O tribunal recoñece que a poligonal eólica se sitúa en zona de máxima sensibilidade ambiental, segundo a Zonificación do Ministerio de Transición Ecolóxica, e nas proximidades de espazos como as ZEC Ancares-Courel, ZEPA Ancares e a Reserva da Biosfera Terras do Miño, chaves para a conectividade ecolóxica entre os Ancares e O Courel, de maneira que o proxecto compromete a súa viabilidade ambiental. Ademais, a poligonal eólica ocuparía unha zona incluída na proposta de ampliación da Rede Natura de 2008 e situaríase a escasos quilómetros da zona de recuperación do oso pardo.

A subestación estaría colocada enriba dunha zona húmida, que dá nome a un dos lugares máis emblemáticos de Becerreá, "O Lago", e que non foi tida en conta na avaliación ambiental. Alén de afectar recursos hídricos, impactaría sobre áreas de interese paisaxístico como Cruzul-Agüeira, A Marronda ou Os Ancares. Se ben o TSXG, en vía cautelar, non entra a valorar a posíbel fragmentación artificiosa dos catro parques proxectados pola mesma empresa e de forma contigua, Adega alerta dos seus impactos acumulados e sinérxicos, xa que esta alineación de proxectos supón unha auténtica barreira de paso para a avifauna.

Máis unha vitoria da loita cidadá

A organización ecoloxista celebra esta nova vitoria xudicial como un paso máis na defensa dos Ancares, dos seus valores ambientais e das comunidades que habitan estas montañas fronte á depredación eólica. A paralización cautelar de Chao do Marco non sería posible, sinala, sen o apoio cidadá a través da campaña de doazóns #TiPodesParalos, que permitiu sufragar os custos das accións xurídicas emprendidas.