A crise do sector das renovábeis no Estado golpea as empresas eólicas da Galiza

As enerxías renovábeis perden atractivo entre os investidores. A falta de financiamento e o elevado endebedamento está levando as empresas enerxéticas a pór á venda os seus activos eólicos para facer fronte aos seus compromisos. A banca alerta dos riscos aos que está levando o sector eléctrico.

31-01-2023 Eolicos-Candán-24
Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. (Foto: Arxina)

Capital Energy, a enerxética madrileña da familia Martín Buezas, acaba de pór á venda a totalidade dos seus proxectos de renovábeis, que suman no conxunto da península Ibérica unha potencia total de 30.000 megawatts (MW) e na Galiza perto de 2.000 MW entre desenvolvemento de eólica terrestre, eólica mariña e hidráulica de bombeo. Precisamente, a compañía foi a máis favorecida polo Goberno galego no proceso de autorización de instalacións de eólica terrestre desenvolvido a finais de 2022 e a comezos de 2023, tras outorgarlle unha potencia de 573,4 MW.

A decisión da enerxética non sorprendeu no sector. A mercantil leva arrastrando problemas nos últimos anos, até o punto de acometer diversos procesos de despedimentos colectivos de persoal, que reduciron de forma moi significativa o seu cadro na Galiza, que chegou a contar con 15 persoas. Porén, as fontes do sector consultadas por Nós Diario non consideran o caso de Capital Energy como illado e destacan que é unha mostra máis da crise que afecta as compañías do sector, con especial incidencia nas empresas pequenas e medianas. Neste sentido, poñen como exemplo da delicada situación das eólicas a continúa venda de activos nos últimos tempos.

Greenalia, a eléctrica coruñesa socia de Altri no proxecto de celulosa de Palas de Rei (A Ulloa), foi unha das primeiras compañías de renovábeis que recorreu á venda de activos para facer fronte á súa situación interna. Así, en xuño de 2023, a multinacional francesa Engie adquiriu á empresa que ten como primeiro accionista a Manuel García Pardo proxectos eólicos por unha potencia total de 182 MW, que achegaron á compañía ingresos de 39,8 millóns de euros e lle permitiron fechar o exercicio contábel con beneficios de 37 millóns de euros. Nese ano, o último con datos das súas contas, rexistraba unha débeda de 461 millóns, da cal 130 era a curto prazo.

A complicada situación do sector das renovábeis obrigou tamén as grandes enerxéticas a desfacerse de activos para atender os seus compromisos de débeda. Sen ir máis lonxe, a madrileña Acciona Energía, propiedade da familia Entrecanales, cunha potencia instalada de perto de 13.000 MW, dos cales 546 emprázanse na Galiza, onde é o segundo operador eólico, vendeu o ano pasado ao redor de 700 MW e aspira a colocar en 2025 no mercado outros 4.000 MW. Na mesma dirección, a mercantil domiciliada na capital do Estado Plenium, tamén presente no sector eólica galego, desfíxose en 2024 de máis de 640 MW.

O endebedamento é un dos grandes problemas das empresas de renovábeis. Os sete primeiros bancos do Estado suman coas eléctricas créditos de 15.000 millóns de euros só polos denominados project finance, modelo de financiamento das centrais eólicas e solares, onde a única garantía para as entidades financeiras son os beneficios xerados pola instalación unha vez comezan a funcionar. Neste sentido, o risco do complexo bancario co negocio das renovábeis é moi elevado, até o punto de ser o Banco Santander e Caixabank as entidades da Unión Europea que máis diñeiro prestaron a eólica, sumando 8,4% e 5,7%, respectivamente,  do total do crédito achegado polas entidades financeiras para as súas operacións.

A banca está recortando o crédito e endurecendo as súas condicións para as enerxéticas. Neste sentido, as entidades financeiras veñen alertando nos dous últimos anos do excesivo sobreendebedamento das eléctricas e desbotando o financiamento para unha parte importante dos parques eólicos que non teñen garantida previamente a venda da electricidade mediante un acordo a longo prazo a través dun contrato PPA. A este respecto, asegura que a caída de prezos aumenta o risco das eléctricas, cuxa morosidade medrou de forma constante ao longo do pasado ano e que, nalgún caso, están incumprindo os compromisos cos seus acredores.

A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e especialista en políticas enerxéticas, Rosa Regueiro, considera en declaracións a Nós Diario que "esta crise é de carácter multicausal". Apunta que "algunhas compañías eléctricas como Greenalia estabelecéronse aquí grazas ás axudas públicas" e lembra que "a posta en marcha das instalacións eólicas é intensiva en capital, require moito diñeiro, ao redor de 1,2 millóns de euros por megawatt instalado".

Fernando Branco, integrante do colectivo de debate enerxético Bidán, explica a Nós Diario que "o incremento da produción eléctrica como consecuencia do desenvolvemento das renovábeis non veu acompañada dun aumento dos consumos, que continúan estancados en nivel de 2020, e isto leva a unha caída dos prezos e a unha "canibalización". Entende que "as empresas eléctricas están na carreira para ocupar os mellores espazos para a xeración eólica”.

Investidores foxen do negocio eólico estatal

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rosa Regueiro destaca como síntoma da situación do negocio das renovábeis que "os investimentos están dirixíndose a outros sectores ou a outras actividades do sector enerxético que resultan máis rendíbeis". Nesta orientación, lembra que "moitas destas compañías están en mans de fondos de investimento" mais "outras carecen do pulmón económico suficiente". 

A caída da capitalización en bolsa das empresas de renovábeis é unha mostra da perda de atractivo do sector. Así, por exemplo, a única empresa enerxética galega que cotiza no IBEX 35, Econer, dirixida polo polémico empresario Luis de Valdivia, rexistraba onte un valor en bolsa de 253,9 millóns de euros, moi lonxe dos 370 millóns que chegou a marcar no momento da súa estrea no parqué en 2021.

O caso de Econer non é ningunha excepción. Neste sentido, Acciona deixouse en bolsa nos últimos catro anos 6.757 millóns euros, Soltec 1.127 millóns de euros e Audax, con centros de xeración na Galiza, 650 millóns de euros. Neste contexto, destacou  o grupo EIDF, fundado polo empresario galego Fernando Romero, cuxo valor se reduciu en 1.583 millóns de euros.

Comentarios