A xustiza europea falla contra España e pide indemnizar os pais que reclamasen o seu complemento de pensión

Pronúnciase por mor da cuestión prexudicial exposta polo TSXG, a raíz dun caso orixinado en Vigo

Os pais de dous ou máis fillos que se viron obrigados a acudir ante os tribunais para acceder a un complemento da súa pensión de incapacidade permanente teñen dereito a unha indemnización adicional, segundo recolle unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TSXE).

O Tribunal Europeo considera nun fallo contra España que "unha práctica administrativa consistente en denegar sistematicamente a concesión deste complemento aos pais e ignorar deste xeito as consecuencias que deben extraerse da sentenza ditada en 2019, na que o TXUE declarou que a concesión reservada unicamente ás nais é discriminatoria, somete aos pais a unha dobre discriminación".

Por iso, na súa sentenza desta quinta feira, o TXUE lembrou que, unha vez que se constatou a existencia dunha discriminación contraria ao dereito da Unión, e mentres non se adopten medidas que restabelezan a igualdade de trato, os tribunais estatais e as autoridades administrativas estatais deben deixar sen aplicar toda norma "discriminatoria, sen esperar a que a derrogue o lexislador". Por iso, considera que deben aplicar aos pais o mesmo réxime que as nais.

Por iso, o Tribunal de Xustiza considera que a resolución denegatoria, adoptada en aplicación da mencionada práctica administrativa, xera, á parte da discriminación recoñecida xa na sentenza de 12 de decembro de 2019, unha nova discriminación para os afiliados de sexo masculino, xa que só os homes teñen que facer valer o seu dereito ao complemento de pensión litixioso en vía xudicial, o que os expón a un prazo máis longo para a súa obtención, así como a gastos adicionais.

Por conseguinte, o TXUE entende que o órgano xurisdicional nacional que coñece dunha demanda presentada fronte a dita resolución denegatoria non pode limitarse "a recoñecer ao afiliado de sexo masculino de que se trate o dereito ao complemento de pensión litixioso con efectos retroactivos, por considerar que iso non emendaría os prexuízos derivados da nova discriminación".

En consecuencia, entende o TXUE debe "concederse así mesmo ao afiliado de sexo masculino unha reparación pecuniaria adecuada, que permita compensar integramente os prexuízos efectivamente sufridos como consecuencia da discriminación". Esta reparación debe ter en conta os gastos efectuados polo afiliado, incluídas as costas e os honorarios de avogado.

Setenza desde a Galiza

No fallo do TXUE de 12 de decembro de 2019 declarouse discriminatorio e contrario á directiva europea de igualdade de trato, o complemento de pensión concedido no Estado español unicamente ás nais beneficiarias dunha pensión de incapacidade permanente e que teñan dúas ou máis fillos (biolóxicos ou adoptados), con exclusión dos pais que se atopen nunha situación comparable.

En base desa sentenza, un pai de dous fillos solicitou á Seguridade Social española en novembro de 2020 que lle recoñecese o seu dereito ao complemento da prestación de incapacidade permanente absoluta que percibía desde novembro de 2018.

Ante a denegación da súa solicitude, acudiu aos tribunais (o preito inicial . Mediante unha primeira sentenza, o Xulgado do Social nº 2 de Vigo recoñeceulle o seu dereito ao complemento de pensión litixioso, pero desestimouse a pretensión indemnizatoria que presentara paralelamente.

Tanto o pai como as autoridades recorreron dita sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), que remitiu unha cuestión prexudicial interpretativa ante a corte europea.

Nesta conxuntura, o TXUE preguntouse se unha práctica consistente en denegar sistematicamente -á espera da adaptación da normativa española discriminatoria á sentenza do Tribunal de Xustiza de 12 de decembro 2019- o complemento de pensión litixioso aos homes, o que obriga a estes a reclamalo en vía xudicial, debe considerarse unha discriminación distinta da discriminación declarada nesa sentenza do Tribunal de Xustiza. Tamén albergou dúbidas acerca da posibilidade de conceder ao pai unha indemnización adicional e sobre o alcance desta.