O Tribunal da UE autoriza á maxistratura a paralizar despexos e declara "abusiva" a lei española

Nunha sentenza emitida esta quinta feira, o tribunal de Luxemburgo ditamina que a norma é contraria ao ordenamento xurídico da Unión Europea. O fallo deberá ser aplicado de maneira directa quer nas execucións hipotecarias en curso quer nas pendentes de resolución. O fallo do tribunal bate coas declaracións do presidente español en que desbotou a dación en pagamento porque "prexudicaría o acceso ao crédito".

A Unión Europea considerou esta quinta feira "ilegal e abusiva" a lei de desafiuzamentos española. Segundo a sentenza feita pública polo Tribunal de Luxemburgo, o mantemento da débeda após a execución hipotecaria é contraria á normativa europea que rexe os dereitos d@s utentes polo que logo do seu ditame a maxistratura española deberá tomar en consideración o ditame quer nos procesos de desafiuzamento actualmente en curso quer naqueles que se atopan pendentes de execución. Tórnase así xurisprudencia o conflito denunciado por un veciño de Barcelona que elevou ao Tribunal da Unión Europea a incompatibilidade da norma española co ordenamento xurídico comunitario. 

Neste senso, o presidente do executivo español Mariano Rajoy aseguraba nas Cortes españolas na sesión de control ao Goberno desenvolvida a pasada cuarta feira que a dación en pagamento xeneralizada ou a suspensión das execucións hipotecarias "podería danar sen remedio as garantías hipotecarias e o acceso futuro de todas as familias aos empréstimos hipotecarios". A opinión do líder popular colide co fallo do tribunal europeu que autoriza @s maxistrad@s do Estado español a adoptaren medidas cautelares "entre elas a suspensión do procedemento de execución hipotecaria".

Actualmente o Congreso español atópase inmerso nun proceso lexislativo de tramitación da ILP contra os desafiuzamentos asinada por un millón e medio de persoas que exixen a parálise dos desafiuzamentos, a dación en pagamento e o estabelecemento de alugueiros sociais que permitan ás familias afectadas continuar a vivir nas súas moradas.

Ruíz Gallardón asegura que reformarán a lei

O ministro de Xustiza anunciou esta quinta feira após coñecer a resolución do TXUE que modificarán a normativa española para a adaptaren "ao dereito comunitario". "Todos os aspectos que foran declarados contrarios á lexislación europea serán corridos" insistiu o ministro quen aliás apuntou que as mudanzas se incorporarán ao novo texto actualmente en proceso de redacción.  

Comentarios