A xustiza dos EUA autoriza acceder aos datos das redes sociais dos detidos polo asasinato de Samuel Luiz

Comparecen nos xulgados as persoas detidas polo crime de Samuel Luiz. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Os datos recibidos de redes sociais como Whatsapp e Instagram están a ser analizados por pola Policía Nacional española para a posterior redacción dun informe.

A xustiza de Estados Unidos (EUA) autorizou esta cuarta feira o acceso aos datos das redes sociais dos detidos polo asasinato de Samuel Luiz, ocorrido na madrugada do 3 de xullo do ano pasado no paseo marítimo da Coruña.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmaron a Europa Press que o xulgado recibiu "hai algún tempo" a resposta da comisión rogatoria enviada a Estados Unidos "en sentido positivo".

Agora, os datos recibidos foron enviados á Policía Nacional española para a súa análise "e estase á espera do informe", apuntaron as mesmas fontes sobre o procedemento.

A petición a Estados Unidos fíxose para a análise de datos publicados en Instagram e WhatsApp e que, supostamente, foron borrados polos investigados.

Sete persoas detidas

Após o pasamento de Samuel Luiz foron detidas sete persoas, ás que a Fiscalía e acusacións consideran autores dun delito de asasinato. A un deles atribúeselle tamén un delito de roubo con violencia por quedar, presuntamente, co móbil do rapaz falecido.

Entre estas sete persoas, están dous mozos que eran menores no momento dos feitos e que aceptaron unha condena de tres anos e medio de prisión por asasinato nun centro de internamento en réxime pechado. A súa causa seguiuse nun xulgado de menores.

Ademais deles, están cinco adultos, dos que tres se atopan en prisión e outros dous en liberdade con obrigacións de comparecencia no xulgado.

Este domingo cúmprese un ano da morte do rapaz, que recibiu unha brutal malleira de madrugada á saída dun local de ocio nocturno e que, segundo a autopsia, faleceu por un "fallo multiorgánico" como resultado dos golpes recibidos.