A xustiza declara nulo definitivamente o parque eólico de Oribio, na Rede Natura 2000

Traballos para a instalación de eólicos en Oribio (Foto: Adega).
As obras chegaron a comezar en 2019, “provocando importantes danos en terreos de alto valor ecolóxico e cultural”, con presenza de oso pardo, e foron paralizadas preventivamente a instancias de Adega, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP), que agora exixirán a restauración completa.

“Xa non hai máis vías posíbeis para retomar o proxecto do parque eólico de Oribio (Iribio), nos concellos de Samos e Triacastela, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmase tamén a nulidade da súa autorización, uns meses despois de que o fixese o Tribunal Supremo”, así anuncia a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a confirmación da nulidade do parque eólico de Oribio.

Segundo lembra a asociación ambientalista, a autorización do parque foi outorgada pola Xunta da Galiza no ano 2019, dando por boa unha declaración de impacto ambiental (DIA) “obsoleta, concedida catorce anos antes, en 2005, para un proxecto tramitado baixo a mesma denominación nos mesmos terreos pero substancialmente distinto”.

As obras chegaron a comezar en 2019, “provocando importantes danos en terreos de alto valor ecolóxico e cultural”, con presenza de oso pardo, e foron paralizadas preventivamente a instancias de Adega, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), e a Fundación Ouso Pardo (FOP), que agora exixirán a restauración completa.

A través do Auto de 23 de marzo de 2023, o TSXG resolveu inadmitir o último recurso formulado pola promotora FERGO Galicia Vento SL, resolvendo unha vía xudicial iniciada hai máis de tres anos polo tres colectivos conservacionistas e ecoloxistas.

“Tras a inicial sentenza do 11 de decembro de 2020 que nos daba a razón e declaraba a nulidade da autorización do parque eólico ao considerar entre outros, caducada a DIA, a mercantil promotora do proxecto expuña dous recursos de casación, o primeiro ante o Tribunal Supremo, que xa foi inadmitido o pasado mes de setembro e o segundo agora ante o propio TSX galego, que o inadmite igualmente, o que confirma a imposibilidade de executar este proxecto nuns terreos nos que a propia Xunta estabelecera a prohibición de executar parques eólicos por estar incluídos na Rede Natura 2000”, manifestan desde Adega.

As principais afeccións foron causadas en 2019 pola apertura de pistas e o movemento de terras para a instalación de aeroxeradores, dado que “a empresa iniciou precipitadamente as obras sen contar cos permisos necesarios e incumprindo as condicións que a autorización agora anulada establecía”.

Debe lembrarse, acrecentan, “que a paralización das obras foi posíbel ao ser confirmada polo propio Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, ao concederse aos colectivos conservacionistas recorrentes a medida cautelar de suspensión da executividade da autorización do parque, xa que tanto a empresa como a Xunta da Galiza se opuxeron a esta paralización, chegando a empresa a solicitar ante o Tribunal Supremo a continuación da construción do parque ata que se ditase sentenza”.

Un espazo con “moitos valores a conservar”

A Serra do Oribio ou Iribio sitúase entre os municipios de Triacastela e Samos (comarca de Sarria), constituíndo a estribación máis setentrional do espazo natural do Courel. 

Está catalogada como Zona Especial de Conservación (ZEC Ancares-Courel) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), dentro da Rede Natura 2000 da Galiza, e agora tamén Reserva da Biosfera, e ten unha riqueza natural moi destacábel, ademais de importantes valores etnográficos e culturais.

É unha zona de presenza recente de oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie cara ao occidente da súa área de distribución. De feito, entre 2017 e 2020 nesta zona desenvolveuse o proxecto Life Oso Courel co obxectivo de favorecer o asentamento permanente do oso pardo na Serra do Courel, e a convivencia entre os osos e as actividades humanas. 

A Fundación Ouso Pardo, Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía, que estiveron defendidas polo despacho de avogados EcoUrban, celebran “o final deste procedemento xudicial que ademais de impedir a execución do proxecto, sentou un importante precedente xurisprudencial ao emitirse polo Tribunal Supremo doutrina en canto á validez, vixencia e alcance das Declaracións de Impacto Ambiental de proxectos”.