A xustiza deixa Santi Mina en liberdade e poderá xogar en Arabia Saudita

Os futbolistas David Goldar e Santi Mina, durante o xuízo. (Foto: Europa Press)
A Audiencia de Almería tampouco lle retirou o pasaporte.

A Audiencia de Almería acordou deixar en liberdade ao futbolista vigués Santi Mina, condenado a catro anos de cárcere en primeira instancia por abuso sexual, quen finalmente compareceu en persoa para "sorpresa" do tribunal na vista onde se decidía a petición de ingreso en prisión realizada pola acusación particular.

A Sección Terceira autorizara Mina para que interviñese mediante videoconferencia desde Arabia Saudita, en cuxa liga milita desde agosto.

Para tomar esta decisión, o tribunal tivo en conta que, ao longo de todo o proceso xudicial, o futbolista "sempre estivo a disposición" da Xustiza e comunicou os cambios de residencia, polo que concluíu "que non hai risco de fuga".

Así mesmo, a Sección Terceira rexeitou da retirada de pasaporte que solicitou o Ministerio Fiscal despois de que Mina decidise trasladarse a un país sen convenio de extradición co Estado español, e tan só lle pediu que continúe comunicando cada cambio de residencia que poida ter.

Valoración dos avogados

A avogada do futbolista, Fátima Magdalena Rodríguez, xustificou a aparición súbita do seu cliente como "estratexia procesual". "Veu porque el non foxe da xustiza. Non ten ningún medo e non ten nada que ocultar.

Rodríguez insistiu que "todo saíu moi, moi ben" e considerou que a petición do fiscal de retirada de pasaporte "xa era bastante" fronte á petición da acusación particular de ingreso en prisión provisional até a resolución dos recursos de apelación ao Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA).

Pola súa parte, o avogado da vítima considerou "incomprensíbel" que, dadas as circunstancias e, a pesar da petición do fiscal, o tribunal "nin sequera acordase a retirada de pasaporte e o único que lle impuxera é que determine cal é o seu domicilio en Arabia Saudita".

"Todo queda igual. É dicir, a pesar de que se puxo de manifesto, sobre todo polo fiscal, xa non só o feito de que haxa risco de fuga, senón que está nunha situación idónea para que, no caso de que houbese un chamamento de entrada en prisión, estivese á súa libre decisión poder decidir se cumpre unha sentenza ou non; o tribunal aceptou os argumentos da defensa, é dicir que é só temporal e que non hai ningún tipo de risco de fuga", lamentou finalmente.