A Xustiza dá a razón á Comunidade de Montes de Tameiga na “persecución” de Nidia Arévalo

O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o de Sanxenxo, Telmo Martín nunha imaxe de arquivo (Foto: Xunta da Galiza).

O Xulgado do contencioso número 2 de Pontevedra vén de anular a resolución do Concello de Mos mediante a cal a popular Nidia Arévalo obrigou a retirar unha pancarta reivindicativa dunhas instalacións propiedade da Comunidade de Montes de Tameiga.

A Xustiza volve dar a razón á Comunidade de Montes de Tameiga, que denuncia a campaña de “acoso e persecución” emprendida pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP) contra “todo veciño ou colectivo que exprese o seu rexeitamento contra a expropiación e recualificación do monte comunal de Tameiga para a construción dun macrocentro comercial”.

“Non é o primeiro intento de Nidia Arévalo de calar a veciñanza mediante denuncias ou sancións municipais facendo abuso do poder que lle confire o seu cargo”, advirte a Comunidade de Montes nun comunicado de prensa.

“Todas as veciñas e veciños que foron acusados por ela foron absoltos pola xustiza, que desestimou todas e cada unha das acusacións da alcaldesa”, engade. Anteriormente, fora a Xunta Electoral de Tui quen desestimara as denuncias do Partido Popular, que perseguía que se retiraran as pancartas reivindicativas das casas particulares da veciñanza comuneira.

Devolución da sanción

Nesta ocasión, o Xulgado número 2 de Pontevedra considera que a actuación promovida pola alcaldesa vulnera o dereito de liberdade de expresión e ordena a devolución da sanción imposta polo Concello. “Nidia Arévalo intenta acalar os actos de protesta da veciñanza, facendo un uso arbitrario da súa autoridade como alcaldesa”, engade a nota de prensa.

A Comunidade de Montes denuncia o “despotismo” da alcaldesa para levar a cabo o que considera un “pelotazo urbanístico”. “A xustiza está da nosa parte. Non van conseguir amedrentarnos, a veciñanza comuneira seguirá defendendo o monte comunal a pesar da campaña de acoso que sufrimos por parte da alcaldesa de Mos”, conclúe o comunicado.

Cidade do Celta

Este revés xudicial para o Goberno local súmase ao do Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra, que estimou un recurso da citada comunidade de montes para a revisión de oficio da licenza outorgada en 2018 ao Real Club Celta de Vigo para construír os campos de adestramento na parroquia de Pereiras.

Tamén declarara nula a licenza concedida en 2019 para a construción duns vestiarios e outras instalacións auxiliares nese mesmo complexo.