A oposición de Mos exixe a dimisión da alcaldesa por “inxurias” a unha parte da veciñanza

PSOE, GañaMos e BNG anuncian un pleno extraordinario para pedir a marcha de Nidia Arévalo (PP) por empregar “supostas facturas falsas de auga” para “acusar” a algunhas cidadás de estar nunha “trama” para que perdera as eleccións municipais.

Representantes dos tres partidos co comunicado. (Foto: Europa Press)
photo_camera Representantes dos tres partidos co comunicado. (Foto: Europa Press)

O BNG, o PSOE e Gañamos, grupos da oposición no Concello de Mos, demandan a dimisión da alcaldesa, Nidia Arévalo, após de que esta empregara presuntamente “supostas facturas falsas da auga” para “acusar e inxuriar” a algunhas veciñas e veciños do municipio.

Os tres partidos lanzaron un comunicado conxunto co lema “Mos non merece unha alcaldesa que acosa e inxuria á veciñanza” e anunciaron un pleno extraordinario -teñen o número de representantes preciso para solicitar a convocatoria- no que exixirán a Arévalo a súa marcha da Alcaldía de maneira formal.

A razón é o que consideran un “circo mediático” impulsado pola política do PP a respecto dunhas “supostas facturas falsas da auga que empregou para acusar e inxuriar a unha parte dos veciños”.

A oposición refírese a un episodio acaecido en 2019 no que, unha semana antes dos comicios municipais, Arévalo denunciou a detección de facturas do abastecemento da auga con cobros moi elevados. Estas foran remitidas pola entidade Aquamos (que non existe) e que ían dirixidas a varias familias da localidade.

Após presentar denuncia na Garda Civil, a rexedora “fixo público o caso e afirmou a existencia dunha trama política para desacreditala poucos días antes” da cita coas urnas.

Apuntou directamente ao partido GañaMos e á Comunidade de Montes de Tameiga como os posíbeis autores destas facturas para confundir e afectar ao proxecto do Celta en Mos.

Mais o Xulgado de Instrución e Primeira Instancia número 1 do Porriño decretou a mediados de novembro o sobresemento e arquivo do proceso por considerar que non houbo delito. Mesmo se investigou directamente a dúas persoas e pasadas as pescudas, a oposición quere o cambio na Alcaldía. Ante esta advertencia, Arévalo lamentou que a oposición "se poña ao lado de quen procuraron enganar aos veciños".

Comentarios