A xustiza condena a CRTVG por sancionar un xornalista que participaba nos 'Venres Negros'

O humorista, guionista e locutor Carlos Jiménez (Foto: Defende a Galega).
A sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Santiago de Compostela declara nula a sanción que lle foi imposta a Carlos Jiménez, e considerando lesionados por parte da empresa os seus dereitos á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

Un xulgado condena a CRTVG por sancionar un traballador como represalia por participar nos 'venres negros', segundo informa o sindicato CUT. No ano 2019 as profesionais da CRTVG Tati Moyano e Carlos Jiménez recibían en nome do colectivo Defende a Galega o XV Premio José Couso á Liberdade de Prensa, ao seren ambos significados participantes da iniciativa Venres Negros "e represaliados por este feito por unha empresa pública da comunicación". Se o expediente disciplinario contra Tati Moyano rematou por se arquivar, a CRTVG quixo frear a iniciativa contra a manipulación usando a Carlos Jiménez como exemplo, que acabou por ser sancionado con 9 días de emprego e soldo.

CUT mantén que o expediente disciplinario dirixido contra Carlos Jiménez artellouse despois de que se convertera nun dos máis activos participantes dos Venres Negros, "ben caracterizados pola resolución xudicial como unha mobilización que tña por obxecto a denuncia por parte de diversos traballadores da entidade demandada do despregamento por parte da Dirección da mesma de políticas de manipulación informativa”.

Este expediente contra o traballador desencadeou reaccións solidarias masivas dentro e fóra do centro de traballo: denuncias ante os medios de comunicacións, protestas da CUT e do Comité de Empresa no seu conxunto, adhesión e solidariedade dos Colexios Profesionais, entrega de sinaturas que se significaron ante a Dirección da CRTVG pedindo a inmediata retirada do expediente, e mesmo o sometemento desta represalia á Comisión de Control da CRTVG.

"Malia todo, a CRTVG xa tiña decidido utilizar o medo e o efecto disuasorio desta sanción como elemento de contracción do exercicio do dereito á liberdade de expresión das traballadoras e traballadores do medio".

Con todo, hoxe, o Xulgado do Social nº 1 de Santiago de Compostela, vén de ditar sentenza que “estimando íntegramente a demanda […] Debo declarar e declaro nula a sanción imposta ao demandante […] e, en consecuencia, déixase sen efecto algún dita resolución” e “Debo condenar e condeno á entidade demandada a abonarllle ao demandante os salarios que deixaron de abonárselle en execución da sanción anteriormente referida, así como a cantidade de 6.251 euros en concepto de indemnización de danos e prexuízospor vulneración de dereios fundamentais […]”.

Para Raquel Lema, voceira da CUT na CRTVG, este pronunciamento é “absolutamente reparador, e con todo o tarde que opera a xustiza, un poder como o xudicial declara, por vez primeira, algo que as traballadoras do medio levamos anos entendendo, sufrindo e denunciando e que resulta especialmente grave dentro dun medio de comunicación público como a CRTVG: que non existe liberdade de expresión e que existen represalias por esixir imparcialidade informativa e pluralidade. Se un Xulgado vén de condenar á CRTVG por un feito tan grave no ámbito xornalístico, onde a liberdade de expresión é unha ferramenta de traballo esencial, o natural é que nos próximos días se produzan ceses e se depuren responsabilidades. Isto daría conta dos estándares democráticos da empresa pública á que servimos. Que pasará?”