Exclusiva de 'Nós Diario'

A xustiza anula máis unha adxudicación da Xunta a Monbus

A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte (Foto: Monbus).
O TSXG estima o recurso contra outro lote de trabnsporte escolar.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anula a concesión pola Xunta da Galiza a Monbus dun lote de liña de transporte escolar correspondente á área de Redondela, segundo a resolución do TSXG ao que tivo acceso en exclusiva Nós Diario.  Unha decena de empresas de transporte presentaron un recurso contencioso-administrativo contra a adxudicación do lote 46 a Monbus dentro do proceso de licitación da Xunta.

O auto lembra que as bases do concurso estabelecen que “cada licitador poderá ser adxudicatario dun ou varios lotes, cun límite máximo de 8 lotes” e a Monbús adxudicáronse 39, dando lugar á exclusión da oferta presentada polo adxudicatario tal e como foi adxudicada ao Monbus. Un argumento presente en sentenzas anteriores e que para colectivos como Galibus, que reúne 30 empresas de transporte de viaxeiros por estrada, demostra que "é moi descarado o que está a pasar coa Xunta e Monbus".

Sete sentenzas

Durante estes meses o alto tribunal galego emitiu até sete sentenzas relativas ás adxudicacións dos lotes do contrato de transporte escolar. En todos os casos, segundo a sala, as compañías que se agruparon para conseguir a adxudicación dos lotes estaban "dominadas de forma clara polas empresas do grupo Monbus", unha circunstancia que afirma que "tiña que ser apreciada" pola mesa de contratación.

O TSXG afirmou que "vista a evidente posición de poder de Monbus nalgunhas das UTE adxudicatarias", entende que "desde unha perspectiva global está probado que tal grupo concorreu aos diferentes lotes coa finalidade de adulterar o procedemento de licitación no seu proveito".