O TSXG anula un eólico en Mazaricos por motivos ambientais no primeiro ditame após a sentenza do TXUE
O tribunal galego resolve, por primeira vez tras as sentenzas do Supremo e do Tribunal de Xustiza da UE, sobre a legalidade dos permisos outorgados pola Xunta da Galiza a un proxecto eólico.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico A Ruña III, situado no concello de Mazaricos (Xallas), ao considerar que o proxecto carecía dunha declaración de impacto ambiental completa e axustada á normativa europea.
A sentenza, ditada pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo, supón a primeira resolución de fondo do TSXG tras as recentes decisións do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que reforzaron as exixencias de avaliación ambiental conxunta para este tipo de infraestruturas enerxéticas.
A sentenza estima o recurso presentado pola asociación ecoloxista Petón do Lobo contra as autorizacións concedidas pola Xunta da Galiza á promotora Eurus Desarrollos Renovables, e conclúe que a avaliación ambiental do proxecto foi "parcial e insuficiente". En 2024, o TSXG decidiu suspender, á espera de que se resolvese a cuestión prexudicial que presentara ante o TXUE, o litixio no que debía decidir sobre a legalidade das autorizacións concedidas pola Xunta a Eurus Desarrollos Renovables. Na súa resposta o pasado verán, o tribunal europeo avalou o proceder da Xunta da Galiza en dúas cuestións da avaliación ambiental do proxecto. Con todo, o TSXG decidiu revogar as autorizacións administrativas previa e de construción do polígono eólico.
A avaliación debía incluír tamén a liña eléctrica
Os maxistrados consideran que a declaración de impacto ambiental limitouse ao parque eólico, cando debía terse realizado de forma conxunta coa liña eléctrica de evacuación.
"A Ruña III non só se configura como unha instalación que produce enerxía eléctrica, senón que tamén a almacena e transporta até a rede", recolle a sentenza, que insiste en que "debían terse valorado todos os compoñentes nun único procedemento".
O tribunal tamén sinala que non se avaliaron de maneira suficiente os posíbeis efectos sobre espazos próximos á Rede Natura 2000, incumprindo as obrigas de prevención e mitigación de danos ambientais que esixe a normativa europea.
Un precedente xurídico relevante
O TSXG conclúe que "procedía tramitar e formular un único procedemento de avaliación ambiental", no que se valorasen os impactos conxuntos e sinérxicos de todas as instalacións asociadas ao proxecto da Ruña III.
A sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Porén, marca un precedente importante na revisión xudicial da política eólica galega, tras as advertencias da xustiza europea sobre a fragmentación dos estudos ambientais.
Coa anulación de A Ruña III, o TSXG reforza a esixencia de avaliar conxuntamente parques eólicos e infraestruturas de evacuación, un criterio que podería afectar a outros proxectos en tramitación en Galicia.

