O Xurés e Celanova únense á masiva loita cidadá contra a "ameaza eólica"

Aeroxeradores no PE Vieiro, e á esquera o Monte da Casa da Neve onde se proxecta outro polígono. (Foto: Plataforma veciñal Celanova-O Xurés)

Co movemento veciñal en auxe no norte da Galiza, agora tamén se suman ás protestas polo “espolio” que as eléctricas queren levar a cabo no país veciñas e veciños das comarcas do Xurés e as Terras de Celanova.

A Costa da Morte está en pé de guerra, Monfero e Moeche están en pé de guerra, os concellos próximos a Caaveiro alegan masivamente, Aranga está tamén na loita e O Courel e O Bierzo uniron forzas para parar o “espolio eólico”... Mesmo o sector pesqueiro está a moverse para evitar os posíbeis danos da eólica mariña que Iberdrola quere estabelecer xunto ao litoral galego. E agora tamén a veciñanza das Terras de Celanova e as comarcas do Xurés súmanse a unha mobilización cidadá que ten poucas referencias onde mirarse.

A poboación da zona transfronteiriza (ou case) con Portugal vén de organizarse para “defender o territorio”, as “aldeas e montes”, da “invasión eólica que afecta a todo o país” alertan a través dun comunicado, no que din acollerse aos principios de Aldeas con Horizontes e a Rede Galega Stop Eólicos.

A cidadanía formou unha plataforma para evitar a “ameaza eólica” que aló pretende chegar en forma de dous parques eólicos para aproveitar a zona “do Vieiro, definida no Plan Eólico da Galiza e que afecta aos concellos de Bande, Verea, Celanova e Rairiz de Veiga”.

Así mesmo, manifesta que hai máis proxectos en tramitación, polo menos catro, para os arredores da Guioncha, Serra de Gomariz e San Martiño, nos concellos de Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar.

Baixo o nome de Stop Eólicos Xurés-Celanova quere pór solución á “pasividade das administracións públicas, singularmente das locais, fronte ás ameazas que para a saúde das poboacións e do medio ambiente supoñen estas instalacións de explotacións enerxéticas de maneira indiscriminada”.

Rexeitan "imposicións" ante a pasividade dos Concellos

Neste sentido, destaca que non se está a atender a opinión pública, que rexeita a “imposición” dos muíños porque, incide, “teñen como único obxectivo conseguir beneficios para corporacións estatais ou multinacionais”.

Aliás das preocupacións sanitarias e medioambientais, tamén remarcan que hai un perigo para zonas de valor histórico e patrimonial que, aínda no caso de que non desapareceran, si terían “impactos moi severos e irreparábeis” na paisaxe.

Contrapoñen a estes custes o pouco retorno económico ou de calquera tipo que implica a chegada dos aeroxeradores máis aló de contribuír á “despoboamento rural”.

“Nas nosas comarcas, mobilizámonos fronte á invasión eólica tamén pola ameaza que supón contra a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, contra as zonas de Rede Natura e contra outras áreas que merecen protección e coidado. O territorio é o noso maior patrimonio, tamén o son a historia, a cultura, a paisaxe, a calidade de vida para as persoas e un medio natural san. Non ficaremos quietas mentres a avaricia das corporacións pon todo iso en risco”, resume a plataforma.