A Xunta ve discriminación do Estado contra a súa lei de saúde

García Comesaña amosou unha copia da carta no Parlamento. (Foto: Xunta da Galiza)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, exixe a retirada do recurso contra a reforma da norma debido a que o Goberno español non recorreu "o mesmo texto" en Balears

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lamentou hoxe no Parlamento da Galiza a "dupla vara de medir" empregada polo Goberno estatal á hora de aceptar as modificacións propostas pola Xunta e o Govern das Illes Balears, de cara a mudar os respectivos textos das súas leis en materia de saúde para, dixo, "optimizar a xestión da crise sanitaria".

Durante a súa intervención, García Comesaña reprobou o feito de que o Executivo de Pedro Sánchez considere "que o Parlamento galego ten menos lexitimidade que o balear", en alusión á aprobación das modificacións introducidas por este Goberno "cando se trata, exactamente, dos mesmos parágrafos que están incluídos na Lei de Saúde galega".

Esta última si foi recorrida polo Estado ante o Tribunal Constitucional ao considerar que "só é posíbel restrinxir dereitos fundamentais a través de lexislación estatal".

Así mesmo, salientou que as decisións adoptadas contra a normativa galega responden "exclusivamente a motivos partidistas", unha circunstancia que cualificou de "inadmisíbel" e que, para o conselleiro, deixa Galiza sen as ferramentas precisas para xestionar a pandemia.

Ante a suposta discriminación ou "agravio comparativo", García Comesaña remitiu unha carta aos ministerios de Sanidade e Política Territorial exixindo que se retire o recurso que está no Constitucional. Igualmente, demandou que se levante a suspensión dos artigos sobre a pandemia, onde se vía certa imposición da vacina.

O conselleiro pediu tamén “mínimo de coherencia” ao Goberno español ao non entender a diferencia de pareceres.

Críticas á lei

A Lei de Saúde foi aprobada o pasado febreiro unicamente co voto favorábel do PP e cun marcado rexeitamento por parte de BNG e PSOE, que a cualificaron de "autoritaria" ao considerar que lexitima "un estado de alarma permanente" e recoñeceron os "problemas de legalidade" que entrañaba.

Tamén diferentes colectivos coma SOS Sanidade Pública acusaron o texto de "represivo" e lamentaron que non resolvese os "problemas reais" do sistema sanitario.