A Xunta tramitou catorce novos parques eólicos no último mes e medio

Mobilización en Compostela o pasado 5 de xuño (Foto: César Arxina / Europa Press).
O colectivo Petón do Lobo denuncia a "indefensión" da cidadanía nestes procedementos, así como unha "vulneración flagrante" do Convenio europeo da Paisaxe.

Só desde o pasado mes de agosto o Diario Oficial da Galiza (DOG) e o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolleron 27 novas solicitudes de parques eólicos no país. Deles, 14 están a ser tramitados a través da Xunta da Galiza.

"Tramítanse como proxectos de interese autonómico e iniciativas empresariais prioritarias aquelas infraestruturas estratéxicas para continuar co espolio, é dicir, que serven de conexión futura para a evacuación de moitos outros parques que até o de agora ficaban esquecidos, e que pretenden continuar coa invasión eólica", advirte a asociación Petón do Lobo.

Este colectivo pon tamén o foco na "indefensión" da cidadanía nestes procedementos, así como na "vulneración flagrante" do Convenio europeo da Paisaxe: "Na avaliación dos impactos sinérxicos dos distintos proxectos da mesma área xeográfica as promotoras só escollen un radio de acción de cinco quilómetros aproximadamente, e non realizan unha avaliación total dos impactos".

As protestas contra os eólicos chegan a Madrid

Máis de 170 asociacións e entidades de todo o Estado participan este sábado en Madrid na manifestación convocada pola plataforma Aliente contra os parques eólicos.

A marcha partirá ás 17 horas da praza de Atocha en dirección á porta do Sol, baixo o lema "Renovábeis, si, mais non así".

"Na Galiza, a especulación eólica pretendida con centos de proxectos ameaza non só o noso patrimonio natural e paisaxístico, senón ao propio estilo de vida do rural", sinala o colectivo Aldeas libres de macroeólicos, que encabeza a delegación galega en Madrid co apoio dunha quincena de asociacións e plataformas locais.

Alianza Libre Europea apoia as mocións do BNG

Noutra orde, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, logrou nesta sexta feira que os 47 partidos que compoñen o grupo Alianza Libre Europea (ALE) apoiasen, por unanimidade, dúas mocións que denuncian o "espolio eólico" e o "abusivo prezo da luz" na Galiza.

"A UE debería estudar a implicación social das enerxías verdes con todos os impactos no medio ambiente, o modo de vida rural, a afectación ás áreas protexidas e o impacto na agricultura e a pesca", sinalou a deputada nacionalista, ao tempo que cualificou de "estafa" o elevado custo da electricidade, xa que "os países produtores de enerxía non están a ser beneficiados na factura eléctrica".