As protestas contra a enerxía eólica chegan a Madrid

Parque eólico en Muras. (Foto: Santi Villamarín)

A coordinadora Aldeas libres de macroeólicos súmase á marcha convocada a nivel estatal pola plataforma Aliente este sábado, 16 de outubro, para protestar en contra do espolio eólico.

Aldeas libres de macroeólicos participa este sábado nunha protesta estatal que decorrerá en Madrid contra a burbulla eólica que “pretenden levar a cabo grandes compañías baixo a máscara de producir enerxía renovábel”.

Tamén buscan reclamar “o desenvolvemento de estratexias/plans estatal e autonómicos que impulsen a xeración de enerxías limpas de forma sostíbel e respectuosa co medio ambiente e a vida das persoas”.

"A especulación eólica pretendida con centos de proxectos ameaza non só o noso patrimonio natural e paisaxístico senón o propio estilo de vida do rural"

Na Galiza, advirten nunha nota de prensa, a especulación eólica pretendida con centos de proxectos ameaza non só o noso patrimonio natural e paisaxístico senón o propio estilo de vida do rural.

“Só desde o mes de agosto fixéronse trámites para, canda menos, 25 novos proxectos que afectarían dalgún xeito a máis de 60 concellos”, informa a plataforma creada no mes de setembro.

Súmanse á marcha estatal 15 asociacións galegas

O colectivo informa do traslado de “varios autobuses con participantes” e de “desprazamentos organizados por outras entidades” coas que están en contacto. “Pola banda de Aldeas libres de macroeólicos súmanse á marcha estatal 15 asociacións, todas a excepción da Capela, que non apoia a iniciativa”, engade a entidade no comunicado.

Baixo o lema "Renovábeis si, pero non así", as 177 asociacións e colectivos de todo o Estado español pertencentes á plataforma Aliente marcharán en Madrid, a partir das 17 horas, desde a praza de Atocha até a Porta do Sol.