Recortes no ensino

A Xunta suprime 6 escolas unitarias e 67 unidades educativas

A comunidade educativa da escola unitaria de Verducido denunciou o desmantelamento deste centro de ensino por parte da Xunta

Á volta do verán a Galiza contará con 6 escolas unitarias menos baixo a escusa de non chegaren a contar con 6 matrículas cada unha delas. Ademais, a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional elimina para o curso 2019/2020 até 67 unidades de educación infantil, primaria e educación especial. Pola contra, só crea 25 unidades educativas novas.

O novo curso na Galiza comezará con 67 unidades de infantil, primaria e educación especial menos, tal e como informou a Xunta a través dun comunicado. Ademais, pecharanse 6 escolas unitarias sob a escusa de non acadaren un mínimo de 6 matrículas en cada unha delas.

A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional asegurou non comunicado que o peche de unidades é un procedemento habitual que leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada ano escolar, “polo que se revisa a matrícula e os postos de traballo docentes dos centros públicos nos niveis de educación infantil, primaria e especial”.

A Xunta eliminará un total de 67 unidades educativas, mentres que tan só creará 25 novas

Coa decisión da Xunta xa non prestarán servizo a Escolas de Educación Infantil de Portocubelo, con 4 matrículas e a escola do Viso, con 5 alumnas e alumnos, ambas as dúas no municipio de Carnota. Tamén se elimina o servizo da EEI do Seixo de Mugardos, con 5 matrículas; do CEIP da Polveira en Trazo, con 4 matrículas; e suprimiranse a EEI de Arcos de Furcos, en Cuntis, con 3 persoas matriculadas; o  EEI de Zamáns, en Vigo, con 5 persoas. Todas estas escolas suman 26 alumnas e alumnos en total que, en palabras da Consellaría, "teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo", mais como xa ten denunciando a comunidade educativa moitas veces o criterio de proximidade da Xunta obvia a distancias e a dispersión poboacional da Galiza.

Do mesmo xeito, a Xunta eliminará un total de 67 unidades educativas, mentres que tan só creará 25 novas, deixando un saldo de 42 unidades menos.

Para tentar compensar o número negativo, a Xunta quere habilitar outras 8 unidades que, aínda que non implica a creación doutras novas, prevense para un "suposto de desdobre de aulas cando existe un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnado", apuntando así cara unha inevitábel masificación de aulas de continuar nesta liña de destrución de unidades.

A Consellaría xustifica estes axustes na "obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos"

A Consellaría xustifica estes axustes na "obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social".

Mentres, outras escolas unitarias do País ven recortados os seus servizos, como no caso de Verducido, onde a comunidade educativa realizou múltiples protestas durante este curso para pelexar polo mantemento do profesorado e a continuidade da escola, tal e como informou Sermos Galiza.

O curso anterior 2018/2019 xa iniciou na Galiza con 74 aulas de Infantil e Primaria menos e 400 docentes interinas despedidas. Un curso no que escolas unitarias como, por exemplo, a de San Mateo de Oliveira (Ponteareas), tiveron que fechar as portas. No curso anterior, 2017/2018 foron 9 as escolas unitarias que fecharon. Nas vindeiras semanas a Xunta anunciará as unitarias e aulas que seguirán ese mesmo camiño no 2018/2019.