Áurea Goitia. Ampa da ecola unitaria de Verducido

“Semella que non interesa que as nenas e nenos do rural saian ben preparados”

Áurea Goitia, (arriba, 4ª pola dereita) na protesta ante a escola

A comunidade educativa da escola unitaria de Verducido, en Pontevedra, denuncia o desmantelamento deste centro de ensino por parte da Xunta, após esta eliminar unha praza de profesorado en infantil, o que implicará no vindeiro curso que a ratio por aula se dispare.

Áurea Goitia é unha das nais que están a denunciar a supresión de profesorado na  escola unitaria de Verducido. Ao rematar este curso, unha das dúas prazas de mestra de educación infantil coas que a escola contaba foi eliminada. De tal modo só unha profesora atenderá até 18 alumnas e alumnos de infantil. As nais e pais esixen á Consellaría de Educación que repoña a praza eliminada para garantir un ensino de calidade para as nenas e nenos da zona.

Sermos Galiza conversa con Aurea Goitia sobre a situación de precariedade na que quedaría o centro con só unha mestra fixa en infantil e outra que cambia cada curso para atender primaria.

 

En que se basea a Consellaría de educación para deixar a escola de Verducido sen unha das dúas mestras que nela traballaban?

Escúdanse en que a escola tivo seis matrículas menos co que pasamos de 37 a 31, que en realidade son 32, porque hai un neno que vén de matricularse e aínda que foi fóra de prazo entendemos que non haberá problema, pois hai prazas libres.

A Consellaría baséase na redución do número de matrículas para quitarnos unha das dúas profesoras de infantil, mais non atenden a que seguimos tendo un número grande alumnado

De todas formas, a Consellaría baséase na redución do número de matrículas para quitarnos unha das dúas profesoras de infantil, mais non atenden a que seguimos tendo un número grande alumnado, 32 en total (18 en infantil e 14 en primaria).

 

Que resposta vos deron desde a Consellaría?

Levamos case desde o inicio do curso solicitando unha reunión co xefe territorial da Consellaría de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares. Como non fixo caso ningún, presentamos instancias por rexistro para poder manter unha xuntanza con el. Porén, prefire comunicarse con nós a través da radio ou da prensa.

Agora, ao producirse a nova matrícula e chegarmos a 32 alumnas e alumnos, volvémoslle pedir que recapacite, pois con 18 nenas e nenos en infantil deberían facer u desdoble da aula e, por tanto, repoñer a segunda mestra. O problema engadido é que esa segunda mestra nestes momentos xa abandonou a escola.

O peor de todo é que semella que non interesa que as nenas e nenos do rural saian ben preparados e reciban un ensino de calidade.

 

Como augura que se resolverá este conflito?

Tecnicamente a batalla legal tena gañada a Xunta porque a norma marca que a obrigatoriedade de abrir outra aula é ao chegar a 20 nenos e nenas en infantil. Mais, se atendemos a ratio media estatal, veremos que esta figura en 9 nenas e nenos por aula.

Se atendemos a ratio media estatal, veremos que esta figura en 9 nenas e nenos por aula

 

Como quedaría a escola de non recuperarse a segunda praza de profesorado de infantil?

Estamos falando dunha escola unitaria moi pequeniña que quedaría cunha única profesora fixa que ao mesmo tempo é a directora, a conserxe, a secretaria... Ela queda á fronte de todo, xunto  un profesor ou profesora para a primaria que cada ano muda.

Deixan por tanto a escola nunha situación aínda máis precaria da que está na actualidade


Deixan por tanto a escola nunha situación aínda máis precaria da que está na actualidade. Antes, até hai tres anos, tiñamos dúas profesoras fixas de infantil, máis a profesora de primaria que viña externa cada ano, tamén a de inglés que impartía aulas unhas horas á semana e ademais a profesora de apoio a linguaxe e logopedia.

A escola queda pendurada dun fío, e como se poña mal unha das dúas profesoras do centro, a de infantil ou a de primaria, veremos a unha soa persoa a cargo de 32 nenas e nenos de idades moi distintas.

 

Que accións tedes previstas?

O luns saberemos se aceptan a matrícula do novo rapaz e agardamos que Inspección Educativa devolva a praza de profesora de infantil. Se seguen nas mesmas, a próxima acción que organizaremos será unha andaina pola escola pública, desde Verducido a Pontevedra, en defensa do noso centro.