A Xunta suma novas profesionais á candidatura da Ribeira Sacra á Unesco após o fracaso de xuño

Reunión do grupo de traballo da candidatura. (Foto: Xunta da Galiza)
O equipo de traballo incorporou expertos como os catedráticos da USC Rubén Lois González e Lourenzo Fernández Prieto; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, Felipe Criado, e a directora da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre.

A Consellaría de Cultura pretende relanzar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da Unesco tras bater co Icomos -organismo asesor da institución- no primeiro intento de conseguir o recoñecemento para a zona.

O pasado mes de xullo, o titular do departamento, Román Rodríguez, asumía que o feito de que a candidatura fora rexeitada permitía "corrixir" puntos máis febles e "fortalecer" o traballo que se presentou.

Por aquel entón, o responsábel do Goberno galego apuntou a unha diferencia de criterios para explicar a falta de éxito. "Uns entenden que se trata dunha paisaxe fósil e estática e os que a elaboraron entenden que se trata dunha paisaxe viva, que evoluciona", reflexionaba.

Coa intención de cambiar ese parecer das e dos expertos próximos á Unesco, a Xunta vén de incorporar novos perfís ao equipo de redacción.

Así, esta segunda feira, transcendeu que o grupo de traballo conta xa coa directora da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Isabel Aguirre; o director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, Felipe Criado, ou os catedráticos da USC Lourenzo Fernández Prieto e Rubén Lois, especialistas, respectivamente, en Historia Contemporánea e Análise Xeográfica Rexional.

Para Rodríguez, estas renovación "marca un punto de inflexión na candidatura" debido a que permitirá "revisar" o expediente "e seguir avanzando co máximo rigor e calidade" para alcanzar o obxectivo de que a Ribeira Sacra pase a formar parte da lista de Patrimonio da Humanidade.

Sensacións negativas de partida

En calquera caso, o contexto do que se parte ten certa visión pesimista. Cando se soubo do informe negativo para a Ribeira Sacra, a oposición política resaltou a “gravidade” das opinións do organismo asesor. Tamén lamentou unha “falta de transparencia” no proceso de redacción e presentación da candidatura.

O documento que botou atrás o soño de varias comarcas apuntaba a distintas cuestións como a existencia de parques eólicos ou a falla dun plan de xestión concreto. As entidades civís pediron responsabilidades á Xunta, pois sentiron que non eran escoitadas no camiño que agora se vai volver emprender.