A Ribeira Sacra volve á casa de saída para ser Patrimonio da Unesco. A Xunta é culpábel?

Na pasada quinta feira a Xunta daba conta do adiamento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco. Fréanse así as espetativas dun amplo territorio, cunha gran produción vinícola e cun importante patrimonio artístico e natural. Nós Diario analiza algunhas das consecuencias que trae esta decisión. Entidades como O Sorriso de Daniel piden á Xunta que asuma as súas responsabilidades.
EuropaPress_2312164_ribeira_sacra_candidata_patrimonio_mundial_unesco
photo_camera A candidatura da Ribeira Sacra inscribiuse en 1996. (Foto: Europa Press)

Na quinta feira, 3 de xuño, a Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza e mais o embaixador do Estado español diante da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), Juan Andrés Perelló, facían pública a decisión das administracións, estatal e galega, de adiar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. Un proceso que se iniciaba en 2015.

Unha nova que o tecido asociativo, a través da entidade patrimonial O Sorriso de Daniel, lamentaba publicamente a través das súas redes ao tempo que alertaba sobre a gravidade desta decisión. A medida estivo motivada por, en palabras de Perelló, “severas discrepancias” co informe elaborado polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos), que, ao seu xuízo, leva á apertura “dun diálogo profundo”, entre a entidade da Unesco e as administracións estatal e galega. Así e todo as administracións non mencionaron as cuestións que se citan no informe do Icomos, Así e todo as administracións non mencionaron as cuestións concretas que se citan no informe do Icomos, un documento cuxo contido,  ao feche desta edición, non era público.. 

“Que se chegase ao mes de xuño con discrepancias no informe fai visíbel que as axendas de tramitación non estaban ben marcadas e que a Consellaría de Cultura, impulsora da candidatura, debería facer unha profunda autocrítica”, pois no seu calendario, este mes estaba reservado para “a posíbel corrección de erros menores”, tendo en conta que “os responsábeis da candidatura participaron no Icomos World Heritage Panel para resolver as preguntas formuladas pola entidade".

Carme Varela, secretaria da asociación O Sorriso de Daniel, apunta que “o problema agora é que, ao retirar a candidatura, estase a pór a cinco ou seis anos vista, porque hai en cola de espera por parte do Estado español outras candidaturas”, como o Priorat de Tarragona e a Menorca Talayótica, “que si fixeron os deberes e todas esas candidaturas van ir por diante, o que implica un proceso de moito tempo, non un adiamento dun ano ou dous”, recalca.

Un parecer que choca de fronte coas palabras do conselleiro Román Rodríguez, que xustificaba que a decisión “estratéxica” de pospor o último paso da candidatura é un trámite “normal e habitual nas candidaturas a ser declaradas Patrimonio”. 

Manter o investimento

En declaracións aos medios de comunicación, Román Rodríguez asegurou que o Goberno avanzará de modo paralelo á candidatura no Plan Ribeira Sacra, vixente até 2023. Segundo a Xunta, “trátase dunha ambiciosa folla de ruta, dotada con 34 millóns de euros, que inclúe 35 accións de departamentos vencellados coa ordenación do territorio, a conservación do patrimonio, o desenvolvemento sustentábel, a educación ou a xestión do turismo”.

Explicacións que contrastan coa visión do Sorriso de Daniel en todo o proceso da candidatura, desde a declaración Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, que lamenta que en ningún momento se tivo en consideración a colaboración do tecido asociativo vinculado con ese territorio. “A candidatura fíxose de costas ao tecido asociativo e á sociedade, e iso foi unha eiva importante á hora de analizar a candidatura por parte da Unesco”, asegura Varela.

Na mesma liña, fontes patrimoniais consultadas por Nós Diario recalcaron que o Capítulo V da candidatura da Ribeira Sacra, o referido ao Plan de Xestión, adoecía de non ter ben definido cal ía ser o investimento e onde se ía facer, ademais de non incluír entrevistas cos axentes sociais da contorna.

Alegacións fóra do BIC

Unha vez que se adía, sine die, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Unesco, todo o investido desde que se incoou a declaración BIC “neste momento pode estar na papeleira”, alerta Carme Varela, “porque non se sabe como se vai remediar isto nin que é o aproveitábel dese total, xa que podemos ter que mudar a declaración BIC”.

No seu día O Sorriso de Daniel achegou, no prazo de alegacións ao expediente BIC, arredor de 60 propostas, das que ningunha se incluíu no proxecto a pesar de que ía na dirección dos requirimentos habituais da Unesco. "Non consideraron ningunha", di Varela, que lembra que "a razón que deron foi que non había tempo para tramitalas, e é moi penoso que saques un período de alegacións e cando se completa digas que non hai tempo, cando todo estivo feito en prazo". Cando en 2018, O Sorriso de Daniel foi galardoado co Premio da Cultura, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, “díxonos que se tomaba nota e que se estudaría debidamente... algo que nunca se fixo”, lembra Carme Varela.

A protección que agora ten que esperar

A declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco suporía, nun primeiro lugar, "a protección do territorio, fundamental tendo en conta o pouco coidado que temos neste aspecto", destaca a secretaria do Sorriso de Daniel, Carme Varela. Esta protección desenvolveríase a través dun órgano externo "que fiscalizaría o que alí se fixese", unha cuestión moi importante "porque é garante de que non se vai poder facer calquera cousa", recalca.

O outro factor importante a ter en conta, de producirse a declaración de Patrimonio Mundial, é que "vai estar localizada alí unha boa parte da promoción turística e tamén de produto", di Varela, "porque non hai que esquecer que é unha zona na que hai unha produción vinícola importante e significaría moito á hora de promover o produto". "Ese tren escapounos diante dos fociños", sentencia Varela.

Comentarios