O Goberno galego somete a información pública a ampliación do parque eólico de Greenalia Alto da Croa II, entre Vimianzo e Dumbría

Parque eólico de Greenalia. (Foto: Nós Diario)
O parque eólico Alto da Croa II forma parte dun ‘macroparque’ que Greenalia posúe entre os concellos de Dumbría e Vimianzo.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle esta terza feira o anuncio por parte do Executivo de Alfonso Rueda da ampliación do parque eólico Alto da Croa II, situado no concello de Dumbría, e que foi promovido por Greenalia.

En concreto, a Xunta especifica que somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA)” do proxecto das obras de ampliación.

O parque eólico Alto da Croa II forma parte dun ‘macroparque’ que Greenalia posúe entre os concellos de Dumbría e Vimianzo. Está composto, ademais de polo que agora se vai ampliar, polos parques Alto da Croa, Monte da Tella e Monte Tourado.

No seu momento, Greenalia afirmaba que se presentaron por separado "por razóns de organización interna", ao tempo que negaba que se puidese tratar dun posíbel caso de "fragmentación fraudulenta". Porén, tal e como aparece recollido nos proxectos de execución, as súas áreas poligonais solápanse entre si, cando non ocupan o mesmo espazo, como no caso de Monte Tourado e Monte da Tella.

Proxecto eólico

Os complexos de Monte Dourado e Alto da Croa II foron adxudicados pola Xunta da Galiza a Gamesa, no marco do concurso eólico de 2010, convocado por Alberto Núñez Feixoo após anular a poxa realizada polo Goberno bipartito.

Oito anos máis tarde, o Tribunal Supremo declarou ilegal parte do mesmo mais as dúbidas non remataron de resolverse a día de hoxe, aparecendo entre os beneficiarios persoas e empresas ligadas politicamente ao Partido Popular, como Breotecnia S.A, de cuxo capital fai parte o alcalde Palas de Rei, ou Renovables San Martiño SL, participada por familiares do alcalde popular de Dozón.

Greenalia adquiriu os dereitos destes dous parques en 2018. Monte Tourado, emprazado no concello de Vimianzo, conta cunha potencia de 10,4 megawatts e unha capacidade de xeración de 38.300 megawatts hora e ano.

Alto da Croa II, localizado entre Vimianzo e Dumbría, dispón de 10,4 megawatts e unha capacidade de produción de 44.700 megawatts hora e ano. Beatriz Mato, como directiva da empresa, desprazouse a estes dous municipios da Costa da Morte para anunciar diversos agasallos aos escolares destas localidades.