A Xunta só realizou 20% das queimas controladas previstas para evitar a propagación de incendios en 2022

Incendio no concello de Vilagarcía de Arousa. (Foto: Europa Press)
Só se efectuaron 106 das 284 actuacións previstas no Pladiga.

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, informou esta sexta feira que a Xunta só realizou 106 queimas controladas das 284 previstas no Pladiga co obxectivo de evitar a propagación de incendios en 2022. Así, durante esta campaña, das 3.075 hectáreas previstas polo Goberno galego, só foron queimadas 627.

Preguntado polo grupo socialista na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, o director xeral afirmou estar "satisfeito" con esta cifra, e argumentou que non fose maior porque a climatoloxía “non acompañou” durante a primavera para levar a cabo estas accións.

Estes datos danse no peor verán en canto ao número de hectáreas calcinadas desde 2006, e no verán no que tiveron lugar os dous incendios máis grandes da historia da Galiza desde que hai rexistros: o do Courel (11.100 hectáreas) e o de Valdeorras (10.500 hectáreas).

A pesar de só completar 20% destas queimas, Rodríguez defendeu a idoneidade destas actuacións, que se realizan en lugares concretos onde non é fácil rozar mecanicamente e que non superan as 10 hectáreas. As queimas medias e máis habituais, apuntou, alcanzan entre tres e catro hectáreas.

81,82 euros por hectárea

O custo deste método de limpeza para evitar a propagación de incendios é de 81,82 euros a hectárea, mentres que os labores de roza mecanizada elevan ese custo até os 410 euros por cada hectárea tratada.

O procedemento ditaminado pola Administración estabelece que antes de levar a cabo a queima realízase, por escrito, unha avaliación previa, un plan de queima no que se analizan as pendentes e orientacións do terreo, os substratos, a orografía do terreo e o tipo de combustíbel a usar, entre outros aspectos, así como un informe de avaliación.

No momento de comezar este tipo de actuacións, os técnicos estabelecen unha 'área de continxencia' para cubrir posíbeis imprevistos que, en caso de producirse, son cubertos por medios de distritos diferentes, de forma que o territorio non quede descuberto.

Neste sentido, e segundo os datos achegados polo director xeral de Defensa do Monte, nos últimos dez anos "tan só se produciron tres 'escapes de queima'" -queimas controladas nas que se perde o control e que se converten en incendios-, das mil que se levaron a cabo.