A Xunta rexeita ampliar o horario dos bares e cafetarías por non ser "prudente"

Terrazas cheas na praza da Quintana. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Malia que os restaurantes xa teñen permiso para abrir até a unha da madrugada, Alberto Núñez Feixoo non ve posíbel cumprir co desexo do sector da hostalaría. Polo momento tampouco se ampliará a capacidade para atender clientela.

O desexo dunha boa parte do sector da hostalaría, a ampliación dos horarios e da capacidade para atender clientas, non chegará a facerse realidade de momento. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou esta cuarta feira que “non é prudente” permitir que cafetarías e bares abran as súas portas até a unha da madrugada tal e como xa fan os restaurantes.

Até o momento, os estabelecementos sinalados teñen permiso para fechar ás 23 horas, pero a representación do sector entendía que aqueles negocios que serviran comidas tiñas que ser tratados ao igual que os locais de restauración.

No entanto, para Feixoo non é axeitado ir por esa vía de forma inmediata, como así o sinalou nunha reunión de varios departamentos coa hostalaría.

Aliás, o empresariado querería que se ampliasen as capacidades, tanto no interior como nas terrazas, naquelas localidades que teñan unha mellor situación epidemiolóxica. Agora os máximos están fixados no 50% dentro dos bares e o 75% na parte exterior.

O presidente do Goberno galego xustificou a súa negativa aludindo a que a ampliación de horarios nalgúns negocios e a supresión do toque de recoller implantouse “fai menos dunha semana” e aínda non pasou o tempo preciso para facer unha análise de se a decisión provocou cambios na expansión da Covid-19.

Polo momento demandou “un pouco de paciencia á hostalaría” para actuar con precaución e “evitar volver aos feches” que podería provocar unha “decisión precipitada”.

“Oxalá podamos facelo e dar boas novas pero hai que ir a unha velocidade previamente pactada e non máis rápido”, reflexionou, insistindo en “non seguir abrindo” a man de forma pouco “prudente”.