A Xunta restrinxe a cota máxima de mexilla por batea

Batea de mexillón (Foto: Nós Diario).
A Xunta cede ante os bateeiros e permite a extracción durante todo o ano.

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, mantiveron onte un encontro con representantes do sector do mexillón da Galiza no que lle entregaron o borrador de orde elaborado pola Xunta para regular a extracción de semente de mexillón -mexilla- en bancos naturais.

Con esta proposta de nova norma, a Consellaría do Mar argumenta que pretende "garantir a explotación sustentábel dos recursos mariños, a adecuación do proceso produtivo ás demandas do mercado, a mellora da trazabilidade da semente de mexillón e a incorporación das últimas tecnoloxías á xestión administrativa desta actividade".

O obxectivo, segundo indican desde o Executivo galego, é "seguir analizando o texto co sector e introducir as suxestións e propostas que se consideren oportunas para mellorar a regulación da actividade". 

Flexibilizar a extracción

"A nova norma tamén pretende flexibilizar a extracción outorgando ao propio sector a competencia e autorización para realizar a mesma ao longo de todo o ano e legando aos titulares dos viveiros a capacidade de adaptar os procesos extractivos aos produtivos", engaden. 

No relativo ás cantidades máximas a extraer, será un máximo de 3.500 quilos ao ano por batea e, no caso de liñas de cultivo, un quilo de semente por cada dous metros de corda autorizada.

O conflito

A comezos de febreiro, Nós Diario informaba do conflito coas cofrarías sobre a extracción da cría do mexillón que tiña a súa orixe nunha resolución da Consellaría en que delimitaba tanto as zonas de extracción da semente como o seu período de extracción. Agora, a Xunta dá un paso atrás e permite, segundo o borrador, a extracción da semente durante todo o ano.