O encontro de traballo decorreu nun ambiente "tenso"

Coronavirus: A Xunta decide manter os fechamentos perimetrais

Control de mobilidade na contorna de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O Goberno galego mantén as restricións comunicadas a pasada sexta feira, día 30. Foi o único que transcendeu da reunión que mantivo até a noite desta terza feira o comité clínico que asesora a Xunta da Galiza. Prevese que nesta cuarta feira a Consellaría de Sanidade informe a respecto dunha xuntanza que, segundo puido saber Nós Diario, foi "tensa".

O Goberno galego mantén as restricións comunicadas a pasada sexta feira, día 30. Foi o único que transcendeu da reunión que mantivo até ben entrada a noite da terza feira o comité clínico que asesora a Xunta da Galiza. Prevese que ao longo do día a Consellaría de Sanidade informe a respecto dunha xuntanza que, segundo puido saber Nós Diario, foi "tensa".

Continúan vixentes os fechamentos perimetrais que afectan case a metade da poboación galega -nos municipios afectados están censadas ao redor de 1,2 millóns de persoas-, ao igual que a prohibición das reunións entre persoas non conviventes neses mesmos concellos. "Nos próximos días" a Consellaría de Sanidade seguirá adoptando decisións, segundo informou na noite da terza feira.

O decreto publicado o día 30 non especificaba a duración das restricións de mobilidade e reunión que comezaban ás 15 horas desa mesma xornada. O texto publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG)  na sexta feira puña de manifesto que “a prol dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento”. Engadía, “en todo caso serán revisadas nun período máximo de 7 días”.

Na rolda de prensa do propio día 30, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmaba que o día 3, por hoxe, tería lugar unha nova reunión do comité clínico na que se decidiría se as restricións continuaban, se ficaban levantadas ou mesmo se adoptaban algunha nova. 

Após coñecerse o fechamento perimetral dos citados concellos, que se sumaron aos anteriormente decretados en Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Irixo, Boborás, Verín, Oímbra e Vilardevós, tanto o responsábel da carteira de Sanidade como o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non descartaron que os fechamentos se estendesen ás fins de semana, na liña da política seguida por Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid.

Non está entre as opcións do Goberno galego, de momento, o confinamento domiciliario, que xa reclamaron territorios do Estado español como Asturias, Ceuta e Melilla, e que estudan Castela A Mancha e Castela León. Precisamente nesta terza feira, a portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamaba o confinamento da Galiza dadas as "cifras pavorosas" de mortes e a unha situación "ao borde do descontrol". Afirmou que desta maneira se salvarían vidas e tamén empregos. 

Medidas vixentes

Entre as medidas que permanecen vixentes e que afectan toda a Galiza atópase o toque de recoller de 23 a 6 horas; a limitación de reunións quer públicas quer privadas a un máximo de cinco persoas; a capacidade de comercios, restauración e lugares de culto nun 50%; a das terrazas nun 75%; a prohibición de consumir nas barras dos bares e as restricións de asistencia en eventos deportivos, vodas e enterros.

Ademais, na comarca do Carballiño están limitadas as xuntanzas ás persoas conviventes e nos concellos en nivel de restrición tres prohíbese atender no interior dos bares e das cafetarías.